Continúa o período intensivo de mercado como certifican os nosos 40 episodios. E que os movementos non paran. Na Terceira División, o guntino Marcos Valín ficha polo Somozas. O gardamallas, procedente do Cerceda e con pasado en Racing de Ferrol, Depor B e CD Lugo, coincidirá no conxunto verdiblanco co tamén lucense Álex. Na Preferente Norte, o Escairón segue tentando apuntalar a confección do seu cadro de futbolistas e fichou ao defensa Diego Ogando «Meji» e ao mediocentro Couñago. Meji procede do Ribeiro da Primeira Galicia ourensá, despois de comezar a temporada pasada no Verín de Preferente; conta con experiencia na provincia xa que foi xogador do Lemos.

Falta pouco máis dun mes para que comece a temporada de forma oficial. A última fin de semana de agosto comezará na Preferente, mentras que a Primeira empezará 0 4 de setembro.

No Lemos, a xa confirmada chegada de Adrián Castañer súmanselle as incorporacións de tres xogadores procedentes do Bóveda como Adrián Armesto, Marcos Blanco e Miguelín. Ademais tamén chegan ao cadro adestrado por Edu o porteiro Arturo dende o Calasancio e Anthony (volve o Lemos despois de xogar xa noutras dúas ocasións) procedente do Atlántico FC da República Dominicana. O conxunto monfortino conseguiu renovar a un dos futbolistas máis destacados na difícil campaña pasada, o brasileiro Lucas Costa. Por outra banda o equipo da Pinguela xa ten planificados algún dos amigables que desputarán durante o verán. O 9 de agosto enfrontarase ao Brollón, o 12 xogará un triangular en Lalín, o 15 coa Sarriana e o 19 co Ferreira. Tamén na Primeira, o Valadouro continúa reforzando o seu cado de futbolistas. Adrián Maseda procede do Burela, equipo co que disputou no último curso 29 encontros como titular e marcou 10 goles.

Na Segunda Galicia, o Alfoz segue incorporando xogadores. Carlos del Río «Raposo», Manuel Casariego, Borja procedente do Xove e Paco do Burela estarán a vindeira campaña baixo as ordes de Martín López. Pola súa banda, na Terceira o Fonsagrada xa ten novo adestrador. Trátase de Carlos Fernández Nogueira que aos seus 39 anos repetirá experiencia na categoría despois de adestrar na temporada 2014/2015 a AD Ferroviaria coa que conseguiu o ascenso e a posterior permanencia deportiva en Segunda. O adestrador tamén seguirá dentro da base da Milagrosa onde vén colaborando os últimos anos.

No tocante ao fútbol base, o porteiro do primeiro equipo do Chantada, Ferreiro será o adestrador de gardamallas de todos os equipos de canteira do conxunto chantadino.

Por último, no apartado dos nosos ilustres emigrantes xa coñecemos o destino de Nilo Rodrigues. O ex-xogador do CD Lugo e do Racing Vilalbés, entre outros, deixa as terras de Aragón e ficha por un equipo suízo, o AS Timau Basel de Basilea, en Suíza onde estará durante un tempo por motivos laboráis.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*