Os movementos no mercado de fichaxes lucense non paran. Comezamos hoxe por unha liga semi-profesional, a Segunda División B. A pesares de non contar con representación dun clube lucense na categoría, si contamos con diversos xogadores nela. Por exemplo, o dianteiro centro Pedrosa, formado no CD Lugo, será novo xogador do Cerceda. O ribadense xa disputou minutos ante o Deportivo nun amistoso.

En canto á Preferente Norte, o Viveiro fíxose cos servizos de Álvaro de la Iglesia, un lateral zamorano de 21 anos que chegou a debutar en Segunda B co equipo da súa terra, o Zamora, e que disputou a última temporada no Villaralbo. A falta de pechar o plantel, o Viveiro comezará os amistosos de pretemporada este fin de semana, nun triangular ante o Deportivo B e o Somozas.

O meta Joshua súmase á doutrina da Milagrosa.

Tamén temos novidades na Primeira Galicia, neste caso a pretemporada do Taboada. O día 5 de agosto visitarán Lugo para medirse á Residencia, e o día 9 irán a Vila de Cruces para enfrontarse ao Piloño. A presentación ante o seu público na Medela terá lugar o día 13, fronte ao Chantada Atlético, coincidindo coas festas da vila. O día 19 recibirán ao Atlético Escairón, equipo militante na Preferente Norte e, sen tempo a descansar, o día seguinte o seu rival será o Brollón no campo nos Medos. Unha semana despois pecharán a pretemporada ante o Portomarín.

Xa na Segunda Galicia, a Milagrosa continúa confeccionando o seu plantel, e tras anunciar as incorporacións de Moreno e Tejeda, informou do regreso ao Luis López Gorgoso do meta Joshua Veiga, quen volve ilusionado e con ganas de conseguir un segundo ascenso co conxunto vermello e branco (xa conseguira un na súa etapa como xuvenil).No grupo norte, o Iberia anunciou a súa décimo quinta renovación para afrontar a nova temporada, Sergio. Súmase así a Pelayo, Seijo, Javi Parga, Legaspi, Marcos, Álex, Yeki, Darío, Bachir, Rubén, Antón, Aitor, Perotti e Balbón. Con estas renovacións e a fichaxe de Montoya, o clube das Valgas está a piques de completar o plantel.

Payu é a primeira incorporación do Celeiro.

Na Terceira Galicia, o Celeiro Clube do Mar incorporou a Bruno Bermúdez «Payu», un mediocentro todoterreno moi codiciado na costa que é o primeiro reforzo do Celeiro para a 2017/2018. Payu levaba dúas temporadas inactivo por motivos laborais, pero xa defendeu tres campañas a camisola da SD Ourol.

Tamén na Terceira, o Cazás xa estableceu algúns dos seus amistosos para preparar a campaña. Disputarán a Copa Xermade (Xermade, Cazás, Cabreiros e Roupar). Esta copa consisitirá nun modelo de torneo con semifinal, terceiro e cuarto posto, e final. As semifinais serán: Xermade-Roupar (día 5 de agosto en Xermade) e Cazás-Cabreiros (6 de agosto en Cazás). O 15 de agosto terán lugar o terceiro e cuarto posto, pola mañá, en Cabreiros, e a final, pola tarde, en Roupar.

No que atinxe ao fútbol base, coñecemos os amistosos do Racing Villalbés Xuvenil «A». O balón comezará a rodar para os chairegos o día 3 ante o Monterroso, para logo enfrontarse á Residencia o día 5 na Cheda. O día 12 mediránse ao Santaballés na Liga, o 16 ao Porto Burela xuvenil no Roca, o 24 ao Cabreiros na Cea e o día 31 poñerán fin á pretemporada no Trofeo Jorge Tato ante o Racing Ferrol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*