Viaxamos unha xornada máis dende o Norte ao Sur da provincia. Porque as novidades chegan dende tódolos recunchos da provincia. Comezamos polo Valadouro, onde acaban de realizar unha fichaxe de ‘campaniñas’. Dende Ribadeo chega Juan Pablo, máis coñecido como Chile. Xogador ofensivo de gran talento para alegrar as tardes de domingo no Árbol. Así mesmo, o cadro de Julio Castro disputará os seguintes amigables, entre outros: Burela (6 agosto), Astur-Vegadense (13 agosto), Candelaria (15 agosto), Iberia (20 agosto), Lourenzá (23 agosto) e Cabreiros (27 agosto). De todos estes encontros, só xogará na casa ante o Astur-Vegadense e o Cabreiros.

Movémonos á veciña Xove, onde todo apunta que terán novo dianteiro. A fichaxe de Aarón, procedente do Alfoz, semella ser cuestión de días ou de horas. O seu lugar no cadro verdibranco será para Javier Sousa, que cambia o Celta Barreiros polo Alfoz. Ademais, na Pontenova confirmaron a Dani Moirón unha campaña máis. O técnico debutará na Primeira Galicia co 95% dos xogadores que lograron o ascenso. Terá a baixa de Roi Campos, que marcha ao CD Lugo xuvenil da División de Honra. A continuidade do central Héctor e o capitán Maketo está no aire. O clube agarda incorporar dúas ou tres pezas para apuntalar o seu interesante proxecto. Aínda así, os xuvenís Fran, Álvaro e Juan realizarán a pretempada co primeiro equipo. Un conxunto, o xuvenil, que seguirá adestrando Andrés Bouza (tamén renovado coma xogador no cadro da Primeira Galicia).

Anxo Valcárcel

Xa na capital, seguimos con renovacións. Na Milagrosa continuarán o meta Roi, Manu Vila, Rubén Palmeiro, Nacho Carbonell, Jordi, Amarelo e Buján. Suben dende o equipo xuvenil Javi, Nacho Arza, os irmáns Álex e Joel Vasco, Arias, Gabi e Juan. Un pouco máis ao sur, en Sarria, confirmaron as fichaxes xa anunciadas por Futbolinlugo: Marzán, Macía, Diego Díaz e Héctor. Tamén anunciaron o regreso de Greco, que estaba no Chantada. E sorprenderon coa incorporación de Iván Barrio, excapitán do Calasancio xuvenil, e anunciado hai escasos días como novo xogador do Castro de Preferente Galicia. Seguimos baixando pola nosa xeografía para darvos unha das novas máis agardadas. Xa sabemos o nome do próximo técnico do Atlético Escairón. Dende as terras de Ourense chega Anxo Valcárcel, antigo adestrador do Lemos.

Na Ulloa, o Monterroso confirmou o seu staff técnico ao completo. JC Rodríguez dirixirá ao primeiro equipo, escoltado polo seu segundo Álex López. O filial ten novo técnico, como xa comentamos en edicións pasadas. Será o exporteiro Brais Vázquez (axudado por F. Javier González). Alberto del Río ‘Chanclas’ adestrará aos xuvenís e Barrio aos cadetes. Os conxunto infantil e toda a escola de fútbol-8 contará cos seguintes preparadores: Iago ‘Arbeloa’ Vázquez, Adrián Vázquez, José Ángel e o propio Chanclas. Pola súa banda, os veciños de Antas sacarán equipo a competir en tódalas categorías agás na de xuvenís.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*