Agora que o verán chegou, xa non hai ningún tipo de escusa para non seguir falando do noso mercado. Queda un período estival movido. Na Terceira División o Racing Vilalbés confirmou as súas primeiras renovacións en canto a futbolistas. O porteiro Javi Pita seguirá un ano máis despois de chegar no mercado invernal na súa segunda etapa como racinguista. Tamén continúan dous homes da casa, o incombustible Pablo Vivero e Diego Villares.

O sarriano Héctor xogou 25 encontros como titular no Castro en Terceira División e anotou dous goles

Na Preferente o Escairón confirmou as renovacións de Caio, Félix, Castro, Basán, Yago, Quiroga, Javi López e Rubén Díaz. A eles, únenselle as fichaxes de defensa Alami procedente da Sarriana e de Diego Núñez que xogou a última parte desta campaña no As Pontes. Pola súa banda, son baixas Denís, Anxo, Calo, Varela e Marzán que ficha pola Sarriana de Primeira Galicia. Ao equipo que prepara Julio Corral tamén se suma Héctor procedente do Castro e Macía que vén dende o Bóveda.

No Viveiro serán baixa para a nova tempada Rego e Fidi que fichan polo As Pontes, equipo recén descendido da Terceira. Alí coincidirán tamén con dous ex do equipo de Cantarrana, Dani Fernández e Diego Chis. Tamén hai novidades no Outeiro de Rei que renova ao porteiro Carlos, aos defensas Samu e Trigo e aos centrocampistas Aarón e Álvaro.

Na Segunda Galicia confírmase a unión de dous conxuntos da capital lucense. O Sporting Lucense e a Comercial, aínda que seguirán tendo dous equipos na vindeira campaña. Un equipo xogará baixo o nome de Sporting Lucense e competirá na Segunda Galicia (a Comercial descendera este ano á Terceira). O conxunto estará formado por xogadores procedentes dos dous clubs. Non obstante, tamén sairán en Terceira con outro equipo baixo o nome de SG Comercial con futbolistas que non proceden de ningún dos dous conxuntos. O equipo de Segunda estará adestrador por Lolo e o de Terceira pola dupla Martín e Miguel, procedentes do San Lázaro.

Na mesma categoría, o Brollón fai oficial a chegada de Adrián Rodríguez que volve ao equipo despois de militar no Bóveda da Primeira Galicia e na segunda parte da temporada no Sober. Na Terceira Galicia todo apunta a que o dianteiro Marcos e o central Rober, ambos procedentes do Guntín, serán novos xogadores do CD Rábade para a temporada na que o equipo debutará en competición oficial.

No fútbol base Antón, Nico e Jesu serán adestradores da base do SD Becerreá. Por outra banda, Javi Castro, actual xogador do San Lázaro, será adestrador do equipo xuvenil da SG Comercial.

Comparte
                                                                                 

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*