Xa o anunciabamos onte. Foi saír a resolución federativa que da por concluida a temporada e o mercado explotou. Hoxe, apenas 24 horas despois da última edición do Diario dun Mercado, chegamos con máis novidades, desde a Terceira División á Terceira Autonómica, pasando tamén polas categorías de base.

Comezamos pola Terceira, na que o lateral zurdo Álex Vázquez -con pasado na base do CD Lugo ou Residencia- renova no CSD Arzúa tras firmar unha gran campaña no cadro do Viso ás ordes do lucense Alberto López. O de Sarria foi protagonista durante todo o ano, que concluiu coa mellor clasificación histórica do clube da «terra do queixo».

Na Preferente Norte, a Sarriana anunciou o que era un secreto a voces nas últimas semanas: Charly, un clásico dos banquiños lucenses, será o novo técnico do clube, tomando así o relevo de Juan Peón. No sur da provincia, Denis López renova no Club Lemos para afrontar unha nova temporada no cadro monfortino.

Madriles fai uns anos, en Frigsa.

Tamén no sur da provincia hai novidades en canto á Segunda Galicia: a SD Brollón renova aos defensas Castro e Diego, ao «todocampista» Samu e aos atacantes Damián e Bertín. Á Segunda Galicia, por certo, volve a SCD Milagrosa, cuxo timón será levado un ano máis por un home moi coñecido en todo o territorio autonómico, Madriles. 

Cómpre volver a Monforte para falar das novas da Terceira Galicia, pois o filial do Club Lemos anunciou as renovacións de Piky, Jota, Rúa, Luigi, Sergi, Moure, Mikel, Alfonsito, Juan, Vilar e Hugo. Alén de todas estas novidades no fútbol sénior, o adestrador Brais Prados deixará de adestrar na base do CD Lugo e manterase un tempo alonxado dos bancos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*