Xa metidos de cheo no mes de xullo, o mercado segue collendo forza no noso fútbol. Comezamos cun dos nosos que xa fai tempo que traspasou as fronteiras da provincia. O vilalbés Kiko, deixa o Rápido de Bouzas para seguir na Segunda B, desta volta no fútbol extremeño nas filas do Don Benito. Antes de voltar á xeografía lucense, outro dos nosos, Fiz Rodríguez, ex adestrador de Pastoricense e Ribadeo, entre outros, farase cargo do Zona Vella, filial da S.D. Compostela. E non irá só. O noso Santi Real, ata o de agora na canteira do Racing Vilalbés, estará ás súas ordes.

O Viveiro segue artellando un equipo que lle garanta pelexar do novo polo ascenso. Despois de Manu Cedrón e Gerardo, chega a Cantarrana outro ex do Somozas: Álex Pérez. Tal e como adiantou  A Mariña de El Progreso, estará ás ordes de Chusky. Pola súa banda, o Lemos xa ten pechada a súa pretemporada. Xogará ante o Atlético Arnoia (31 de xullo), C.D. Velle (4 de agosto), Outeiro de Rei (11 de agosto), U.D. Ourense (15 de agosto) e Barbadás (18 de agosto) como local, mentras que no Sangoñedo ante a S.D. Chantada (8 de agosto).

Anxo Otero, un dos xogadores máis talentosos da Primeira Autonómica troca de equipo, pero non de pobo. Logo duns anos na S.D. Chantada xogará a vindeira campaña no Chantada Atlético. O San Roque tráenos unha boa nova, xa que, recupera para o fútbol a Javi Ben logo de tres anos inactivo.

Anxo Otero vestirá a camiseta do Chantada Atlético

Na Segunda Autonómica, José Ramón López «Cuchi», renova como adestrador do Meira, mentras que o Mondoñedo refórzase con Bruno, que esta vindeira temporada xogará coa camiseta do eterno rival, logo do seu paso polo Lourenzá. Na Terra Chá, o Goiriz renova a Óscar Lozano, xogador importante para o cadro vilalbés. Un chanzo máis abaixo, David Rodríguez «Torre» xogará no Rubián, a onde chega procedente do Paradela. O Lemos B, que renova totalmente o seu proxecto confirmou dous novos fichaxes: Mikel Durán, procedente do Bóveda, e Alfonso Quiroga, do Ferreira. No Chantada B continuarán a vindeira campaña Kevin, Tara e Jara. Asimesmo, o filial monfortino tamén ten confirmados os seus amigables dunha pretemporada que comezará o 12 de agosto: Chantada B (17 de agosto), Río Sil (21 de agosto), Ferreira (24 de agosto) e Brollón (1 de setembro).

Tamén temos novidades no fútbol feminino. O Carballedo renova a Diana Picos e Lucía Míguez, mentras que o Chantada tamén asegura a continuidade da porteira Ángela e das xogadores Belén e Marián. Álex Varela encabezará o cadro técnico, no que tamén estarán Xende e Carral.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*