En plena organización do I All Star Futbolinlugo, tamén nos achamos inmersos nun momento chave no mercado de fichaxes. As pezas máis cotizadas do mesmo dispútanse entre os distintos clubes, mentres outros apostan por novas xoias ou por dar continuidade aos seus cadros de xogadores!

Cuadrado xogou as últimas tres temporadas no Polvorín/Lugo B. Dúas en Preferente e unha en Terceira

Así, na Terceira División, o dianteiro Fernando Cuadrado «Cuadretti» asina polo Racing Villalbés tras a súa marcha do CD Lugo «B». O lucense ten pasado no conxunto albivermello, no Cultural Areas, Barbadás, Alavés «B», Celta de Vigo… e será un xogador moi importante para o equipo da Magdalena.

Tamén na Terceira, Fernando Currás convértese no novo adestrador de porteiros do CD As Pontes, recén ascendido. Precisamente abandona o club pontés o gardamallas Pelayo Novo, posición que será herdada por Javi Liz, procedente do Polvorín. Xusto, ex do Racing Villalbés, asina polo Silva. Na Preferente Norte, Chusky renovou no Viveiro para tratar de repetir unha histórica campaña para os de Cantarrana, sendo acompañado no corpo técnico por Bebo e Oke. Noutro clube da Mariña, no Ribadeo, Javi Prieto e Dani Prieto non continuarán no Pepe Barrera na 2019/2020. Fóra dos marcos da provincia un vilalbés renova no seu equipo. Hugo Criado xogará por segundo ano seguido no Atlético Montañeros.

Unha das categorías que chega con máis novidades é a Primeira Galicia. Comezando polo norte, o Lourenzá renovou ao centrocampista Aitor, ao dianteiro Pichi, ao defensa Marcos e ao porteiro Adrián «Bugui». No Castro renovou Nico Edrosa, mentres que ao Outeiro de Rei incorporouse Juan Carlos Quiroga como segundo adestrador, polo que seguirá acompañando a Josito no banco tras a marcha de ambos do PM Friol. Martín Murado, pola súa banda, cambia o Taboada pola secretaría técnica do CD Lugo e, aínda máis ao sur, Marcos e Pulpix renovan na SD Chantada. Tamén o fai Xende, segundo máximo goleador dos do Sangoñedo este ano que rematou, quen ademais será o segundo adestrador do Chantada «B» xunto a Rodrigo, despois de que Chino deixará o seu posto por motivos persoais.

Cambiando agora á Segunda Galicia, Suso Martínez será o novo técnico do Alfoz, mentres que Quintela non continuará sendo adestrador do CD Palas. En canto a xogadores, Luis cambia o Ferreira polo Rubián, e o porteiro Dani Vila, ex de Calasancio, Arenas e Sober, asinou polo Brollón. Na Terceira, o Sober confirmou as renovacións de Juanjo, Mauro, Fleire, Roxo, Cazón, Brais, Pibe, Sergio, Luaces, Maikel, Martín, Jony, Lagoa, Luis, Viana e Wellington!

Por último, no que atinxe ao fútbol feminino, continúan as renovacións no Carballedo CF da Segunda Galega. Diana Gómez, Laura Delgado, Bea Estévez, Cristina Marquina «Marqui», Noelia Pereira e María Jesús Mosteiro continuarán un curso máis no segundo ano de vida do equipo.

O PM Friol cumpriu obxectivos deportivos vestindo as cores do CD Lugo. Conseguiu o pase para a 1ªB e o seu filial ascendeu á Primeira Galega

Ademais sen ser referente tanto ao mercado, fíxose oficial que o PM Friol e o CD Lugo non renovarán o seu convenio. O PM Friol competirá o ano que vén na nova categoría que se crea no fútbol feminino estatal, a «1ª B». Segundo apuntan dende o cadro friolés a aposta económica do equipo lucense era bastante inferior á do ano pasado. Polo que declinaron a oferta de renovación e tentarán sacar os cartos de onde podan para competir no novo futuro que se lles aveciña. Pola súa banda, o CD Lugo iniciará un convenio agora coa Milagrosa cuxo equipo sénior descendeu este curso da Primeira á Segunda Galega.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*