Comezou o mes de febreiro e, por tanto, concluíu o mercado de fichaxes invernal. Un mercado que, como todos os anos, nos deixou moitos movementos, algúns máis sorprendentes que outros. Hoxe facemos unha pequena revisión dos mesmos!

Para empezar, dirixímonos á Terceira División. Nela, o Racing Villalbés asinou ao fillo pródigo Diego Villares, que chega cedido polo Deportivo, e a Pablo López «Castrín», central que chega desde os xuveniles do clube coruñés. Ademais, o lucense Fer Beltrán é novo xogador do Racing de Ferrol tralo seu paso polas filas do Coruxo. Xa na Preferente, a Sarriana incorporou ás súas filas a Diego Arias, agora ex-capitán do Lemos, e o seu lateral Álex Vázquez fichou pola AD Almudévar, filial da SD Huesca, polo que lle desexamos toda a sorte do mundo nesta etapa.

Na Primeira Galicia, o dianteiro Johny Cobas asinou polo Pol, procedente do Lugo Unión, mentres que Samuelín deixou o Cervo para firmar polo Xove Lago, que tamén completou a fichaxe de Álex Paz, do Viveiro. Asemade, o adestrador Roberto Rielo dimitiu á fronte da SD Monterroso. Por último, Manu Carreira (ata agora na Sarriana) forma xa parte das filas do Atlético Escairón.

No caso da Segunda -a categoría con máis movementes neste mercado invernal-, o Cospeito reforzouse con David Fernández do CD Castro, que completará a súa labor axudando no equipo xuvenil do clube chairego, o Valadouro firmou como novo adestrador a Rubén Barrios.  O CD Xermade será o novo equipo de Borja Pereira, atacante que xogou en clubes como As Pontes, Narón, Miño… E Jacobo Cancela volveu ao conxunto da súa vila, o Mondoñedo, anotando xa dous goles no seu debut. Os rivais do Mondoñedo, a ED Lourenzá, asinou ao mediapunta focego Aitor. Ademais o Becerreá repescou a Dani López, lateral procedente do Castro.

E, en derradeiro lugar, a Terceira Autonómica. O Lugo Unión fíxose cos servizos de Toni, mediocentro que xogou na Comercial. Tamén o Club Celeiro incorporou a Iván Silva (que volve á que foi a súa casa) e ao central Miguel Quintela, ex do Folgueiro, e a Pablo López, do Burela, pero perde a Adrián por motivos laboráis e Iván por enfermidade.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*