*Sporting Pontenova-Santaballés: Sufrida victoria dun Santaballés que se consolida na zona de ascenso. Novás pronlongou o seu idilio co gol nada máis comezar e Dani aumentou as diferenzas preto do descanso. Na reanudación, a Pontenova meteuse no encontro nun erro defensivo chairego. Aos de Simón Lamas entráronlles as dúbidas porén atopáronse cun penalti por mans de Gene, que viu a tarxeta vermella directa. No rexeite da pena máxima, Muñiz deixou o choque case visto para sentencia. Porque os de Andrés Bouza aínda conseguiron outro gol a pesares da inferioridade numérica.

*Monterroso-Lemos: Disputado encontro en Cerdeiriños no que o Monterroso xerou máis peligro que o líder en igualdade numérica. A expulsión de Gonzalo Torres no ecuador da segunda metade espoleou ao Lemos. O conxunto de Edu, cun home menos, realizou un gran final de encontro e ata dispuxo dalgunha ocasión para poder sumar algo máis ca un punto.  A peor nova do encontro foi a lesión muscular de Cañón.

*Páramo-Friol: Varios microencontros en só 90 minutos. O Friol adiantouse preto da media hora nun saque de esquina. Os de Jhon Vázquez estaban sendo mellores e o Páramo arriscou. E encaixou o segundo tanto xa na reanudación, tamén a balón parado. A pesares desta circunstancia, os de Fontal non deixaron de crer e remontaron con tres goles en só oito minutos. No tramo final, os visitantes buscaron o empate con máis corazón que cabeza ante un cadro local, que puido facer o cuarto.

*Residencia-Burela: O conxunto de Álvaro Meilán estreou o novo céspede artificial da Cheda ao grande. Cunha goleada diante do Burela. Na primeira metade, Jony neutralizou o tanto inicial de Iago Alonso. O encontro rompeuse no comezo da segunda parte, con tres goles da Residencia nos primeiros vinte minutos da reanudación. Pablo Zapico conseguiu dous deses tantos para o cadro branquiazul.

*San Ciprián-Chantada Atlético: O conxunto de Lekumberri adiantouse rápido cun gol do de sempre: ‘killer’ Mella. O balón era dun Chantada Atlético, que se presentou en cadro na Veiga. Faltoulle o gol aos do Sangoñedo. Na reanudación, os visitantes perdonaron o empate. E acabárono pagando. Racha e Borja aproveitaron unha perda e un erro defensivo para sentenciar a contenda. No tramo final, Dani Delgado fixo o gol da honra e o técnico Fran Regal entrou ao terreo de xogo a botar unha man aos seus pupilos.

*Pol-Taboada: Primeiro triunfo a domicilio dun Taboada á alza. Os de Martín Murado deixaron fútbol de moitos quilates, especialmente no ecuador da primeira metade. Aí, os visitantes encarrilaron o encontro con dous tantos prácticamente consecutivos de Guerreiro e Poyán. Na reanudación, o Pol arriscou e mesmo encerrou ao seu rival. Sen sorte algunha. Mosqui matou o encontro contra o remate e Yeray foi expulsado nos locais. Dieguito xogou os seus primeiros minutos desta campaña nos da Medela.

*Outeiro de Rei-Pastoricense: Un gol en posición dubidosa adiantou ao Outeiro nada máis comezar. Non lle sentou ben o tanto ao Pastoricense, que encaixou o segundo nunha contra. A dez minutos do descanso, os de Fran Veiga dispuxeron dun penalti. Dieguiño parouno. Tralo paso pola zona de vestiarios, os do Acebreiro perdoaron dúas boas oportunidades e os de Cholas mataron o encontro nun rexeite dun saque de esquina. Dende aí ao remate, os azulóns dispuxeron de numerosas oportunidades para lograr un resultado máis abultado.

*Atlético Escairón-Riotorto: Duelo de poder a poder, moi intenso na súa primeira metade. Manolito marcou aos dez minutos de xogo en medio dun ritmo infernal. O de Burela, decisivo unha semana máis. Na segunda parte, Alberte e Kevin puideron sentenciar a un Atlético Escairón que quedou cun home menos pola expulsión de Pollo. Aínda así, os do Saviñao morreron matando. Colgando balóns á area contraria ata o pitido final ante un Riotorto que non foi quen de aproveitar os espazos para firmar algún gol máis.

*Chantada-Xove Lago: A pesares das baixas e da derrota, os de Miguel Sancosmed realizaron o seu mellor encontro a domicilio. Porén atopáronse cun Chantada moi sólido, que ofreceu a súa mellor versión. Os do Sangoñedo perdonaron ao comezo da primeira metade. Non o fixeron a un cuarto de hora da conclusión, cun gol nun testarazo nun córner. Os de Juan Rodríguez aguantaron o resultado e mesmo fixeron o segundo na prolongación, obra de Xende.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*