*Monterroso-San Ciprián: Completo encontro do Monterroso ante un San Ciprián ao que se lle fixo moi longo este final ligueiro. Os de Román sentenciaron xa na primeira metade. Marcharon cun 3-0 ao descanso despois de xerar múltiples ocasións e crear perigo constantemente polo costado esquerdo do ataque. Na reanudación, houbo tempo para un gol de Lorenzo e o tanto da honra do equipo mariñán, que se despide con derrota da categoría.

*Páramo-Pol: Longa, moi longa se lle fixo ao Páramo esta Primeira Galicia. Os de Fontal dixeron adeus á categoría cunha dolorosa e clara derrota ante o Pol. Os locais apenas tiveron dúas tímidas aproximacións con perigo. O caudal ofensivo foi cousa dos de Abad, que aínda puido firmar máis goles. Ibai e Iván González asinaron sendos dobletes. Fin dun bonito ciclo nas Rapadas.

*Lemos-Friol: Gran despedida do todopoderoso líder na Pinguela. Recibiu o trofeo de campión e goleou ao Friol. Os de Jon Vázquez, escasos de efectivos, plantaron máis cara do que semella polo resultado. O Lemos fixo dous tantos nunha primeira metade na que o cadro vermello coqueteou co gol nun par de ocasións. Na segunda metade, Julito lesionouse nunha xogada na que Castañer deixou aos monfortinos cun home menos. Os visitantes deron un paso adiante en superioridade pero pecaron de efectividade. Caeu o terceiro para os locais e aínda así, o Friol buscou o gol da honra. Porén o que atopou foi dous tantos máis e a Denis, autor dun hat trick, alcanzando a Dani Roca na loita polo pichichi. Ambos atacantes rematan o campionato doméstico con dezanove dianas. Por último, temos que comentar que Julito será operado hoxe despois do problema sufrido no maleolo durante o encontro.

*Sporting Pontenova-Atlético Escairón: O cadro do Saviñao superou a un colista, que pelexou de ti a ti en todo momento. Non se presenciaron goles nunha primeira metade desputada. O Atlético Escairón abriu a lata nada máis comezar a segunda metade, por mediación de Manu. Minutos máis tarde, Julito fixo o segundo. Os de Andrés Bouza marraron un penalti, que os puido meter de cheo no partido de novo. Así como algunha que outra acción de tres contra un.

*Santaballés-Chantada Atlético: O cadro de Fran García queda a expensas dun posible descenso do Foz. O Chantada Atlético aguantou durante a primeira metade o 0-0 inicial. Mesmo tivo unha boa oportunidade de Adri. Porén o Santaballés é moito Santaballés. Máis aínda na Liga. Os de Dani Moirón adiantáronse ao comezo da reanudación. Os visitantes tentaron o empate. Aí os chairegos cheiraron sangue e mataron o encontro. Nunha contra e nun balón parado. O baixón físico dos chantadinos, que só presentaron once xogadores, axudou ao plácido resultado final. Ao que Vérez aportou un doblete. Samu tivo o gol da honra. O seu remate topou co longueiro.

*Burela-Taboada: Quedou sen goles A Marosa, nun encontro disputado e no que o Burela tirou de xuventude ante as baixas coas que contaba. Apenas houbo un par de tímidos achegamentos por barba na primeira metade. Na reanudación, un combativo Taboada foi o que estivo máis preto de levar os tres puntos. Montes perdonou nun man a man, Fabio tirou fóra e Álex Pita non atopou o fondo das mallas. Empate final entre dous conxuntos que firmaron unha notable temporada.

*Xove Lago-Riotorto: Derbi mariñán que se decidiu na primeira metade. O Xove Lago bordou o fútbol nuns primeiros corenta e cinco minutos nos que Diego Chao asinou un hat trick. Pasada a media hora de xogo, os de José Manuel mandaban por 4-0. Porén a expulsión de Samuelín por vermella directa, espoleou a un Riotorto que xa perdonara ocasións con anterioridade. Os de Labrada recurtaron diferenzas nunha segunda parte na que os locais pudieron conseguir algún tanto máis en transicións. Por certo, o meta Parapar vestiuse de atacante nesta xornada ante a falla de efectivos coa que contaba o Riotorto.

*Chantada-Outeiro de Rei: O ascenso do Chantada terá que agardar unha temporada máis. Os de Juan Rodríguez fixeron os deberes pero a Residencia non fallou. O cadro vermello ganou pola mínima e con moito sufrimento a un Outeiro de Rei que mereceu mellor sorte. Kadete fixo o único gol do encontro nun saque dende o curruncho, no ecuador dunha primeira metade de dominio dos de Cholas. Tralo descanso, abriuse o encontro. Un pau para cada equipo e máis oportunidades para un Outeiro de Rei que se marchou do Sangoñedo incomprensiblemente sen marcar.

*Residencia-Pastoricense: A Residencia é novo equipo de Preferente. O equipo de Álvaro Meilán culminou unha espectacular segunda volta cunha goleada na casa ante o Pastoricense. Os branquiazuis sairon en tromba, dispostos a conseguir o obxectivo. E fixérono pola vía rápida. Aos vintecinco minutos xa gañaban por 3-0. Co partido encamiñado, o ritmo baixou. E a sentencia chegou na segunda metade, nunha boa acción personal que rematou co cuarto e definitivo gol de Lucas.

Comparte
                        

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*