*Páramo-Monterroso: Só unha fazaña case sen precedentes pode salvar ao Páramo do descenso. O cadro de Fontal comezou a tarde da peor maneira posible. Encaixou nada máis comezar nun centro lateral de Melchor, que Raúl convertiu en gol. Os locais buscaron o empate sen sorte baixo unha abafante calor. Mentres que o Monterroso tivo as súas oportunidades para matar o choque. No entanto, o segundo e definitivo gol non chegou ata a prolongación. Cando Dabouza se sacou da súa chistera un soberbio remate a pase en longo de Cañón.

*Outeiro de Rei-Burela: Espectacular posta en escena do Outeiro de Rei, que dispuxo de ata catro oportunidades de gol. Porén golpeou primeiro o Burela e afondou na ferida ao poñer o 0-2 cun saque de esquina olímpico. Na segunda metade, o cadro de Cholas maniatou ao seu rival. Chegou con perigo polas bandas e recurtou diferenzas. O empate era cuestión de tempo. Os mariñáns salvaron un balón baixo paus pero non puideron evitar o empate no tramo final. Todo isto no medio dunha arbitraxe que non convenceu moito aos visitantes.

*San Ciprián-Santaballés: O cadro de Lekumberri inaugurou a súa conta goleadora na primeira chegada á área rival. O Santaballés mostrou a súa solidez e competitividade e remontou. Tres goles seguidos que chegaron en centros laterais, mal defendidos pola zaga mariñana. No segundo tempo, o equipo de Dani Moirón apostou pola xa coñecida fórmula de replegarse e buscar o contragolpe. Pola súa parte, o San Ciprián tentou o empate colgando balóns en longo a Borja Mella. Así chegou o 2-3 de Iván. Borja Mella e Antón tiveron o empate nas súas botas pero o triunfo foise para A Chaira. O cadro azulón queda así a catro puntos da zona de permanencia, con nove aínda en xogo.

*Pastoricense-Xove Lago: Empate sen goles no Acebreiro entre dous conxuntos que queren fuxir dos temidos arrastres. As poucas ocasións que se rexistraron foron do Xove Lago. Os mariñáns reclamaron varias accións anuladas por fóra de xogo, nun partido no que ambos equipos loitaron sen sorte polo triunfo. A salvación de xeito matemático terá que agardar unha semana máis.

*Chantada Atlético-Lemos: Homenaxes varias ao comezo (ao campión Lemos, ao CB Chantada e a avoa de Adri) para facer unha posterior oda ao fútbol. O Lemos bordouno coa posesión ante un Chantada Atlético letal nos contragolpes. Os de Fran García desperdiciaron a vantaxe inicial de dous goles. E viron como o todopoderoso líder culminaba unha nova remontada xa no cuarto de hora final. Con doblete de Roberto Varela incluido. Mico era expulsado e os problemas crecían nos locais. Porén tiraron de casta e empataron en inferioridade. Cando xa comezaban a saborear ese valioso punto, Gonzalo Torres quixo que o botín completo se fose para Monforte.

*Taboada-Friol: Notáronse as ganas do Taboada de xogar por fin no pobo. O equipo de Martín Murado fixo unha estrea ao grande do campo de herba artificial, cunha goleada ante un Friol plagado de baixas. Por se fose pouco, Buxán lesionouse e Cobas tivo que xogar de porteiro nada menos que 75 minutos. Dous goles no primeiro cuarto de hora, encarrilaron o encontro para os branquiazuis. E de agasallo para os ollos dos espectadores, un posterior e soberbio tanto de Mouse dende 25 metros. Reaccionou despois do descanso o cadro de Jon Vázquez, cunha semichilena de Isaac. Chicharrazo. Creáronse dúbidas nos locais. Aínda que dúas perdas consecutivas do Friol remataron en dous novos goles á contra que explican este abultado resultado.

*Pol-Residencia: Se a Residencia gaña os dous partidos que lle quedan na casa, será equipo de Preferente. Yeray, exxogador branquiazul, marcou nas dúas porterías na primeira metade. Adiantou ao Pol e fixo un tanto en propia porta para os visitantes, que perdonaron varias oportunidades. Na reanudación, decidiu un Javi Raposín en gran momento de forma. Marcou un tremendo golazo desde o centro do campo ao ver a Cristian Barro adiantado. Un ‘gol de ouro’. Nunca mellor dito.

*Sporting Pontenova-Riotorto: Triunfo claro dos de Labrada no derbi. O Riotorto abriu a lata cunha tempraneira vaselina de Play. Ioan igualou de novo ao bordo da media hora pero Play poñía de novo por diante aos visitantes antes do descanso. Tralo paso pola zona de vestiarios, Felipe Varela sentenciou ao culminar unha boa xogada combinativa. Houbo máis ocasións durante a segunda metade pero o marcador non se moveu máis.

*Atlético Escairón-Chantada: Derbi entretido e aberto con dúas partes claramente diferenciadas. Toti desperdiciou un par de boas e claras oportunidades para un Atlético Escairón combativo antes do descanso. Cambiou o panorama na segunda metade. Xende marcou pronto o único gol do partido. E puxo en vantaxe a un Chantada que impuxo o seu fútbol na reanudación. Os de Juan Rodríguez viron como lles era anulado un gol e sufriron ao non ser quen de sentenzar. Como por exemplo, nun remate que a defensa dos do Sangoñedo evitou baixo paus. Os chantadinos non se queren despedir do soño do ascenso.

 
Comparte
                                 

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*