Foto de portada: Photoaileen

En Madrid coñecíana por Galle. Meteuse en moitos fogares galegos como Rita. Pero ela é Carmen Méndez (Neira de Rei – Baralla, 1979). É ese nome engloba moito. Enxeñeira química de formación, directiva da Academia Galega do Audiovisual na actualidade, actriz, humorista e, que se entere toda a provincia, tamén futbolista. Da aira de Neira, á lama de Madrid. Os 90 éranche outra cousa tamén pola capital. Sobre o campo non interpreta ningún papel. É gañadora por natureza. E goleadora, aínda que sexa de rebote. Parou cedo, pero o fútbol nunca terminou de deixalo. Sempre disposta a botar unha pachanga. Promete visita ao All Star Futbolinlugo. Queda escrito.

Futbolinlugo: Como comezou a túa relación co fútbol?

Carmen Méndez: Empezou como afeccionada. Meu pai era moi fan. Dende pequena vía partidos de futbol, eurocopas, mundiais… Como espectadora recordo ver sempre fútbol. Na miña casa érase do Real Madrid e do Celta. Logo como adulta reflexionei e xa só son do Celta.

Fil: E o de darlle patadas a un balón?

CM: Xogaba ao fútbol no colexio en Baralla. Xogaba eu soa cos rapaces. Encantábame. Despois tamén con meu irmán e os meus curmáns polos prados de Neira. Cando marchei ao instituto a Becerreá formamos alí un equipo de fútbol sala. Xogabamos contra outros institutos.

Fil: Afectáronche os prexuízos existentes?

CM: A profe de inglés chamárame unha vez cando estaba xogando no recreo. Que como que unha nena xogando o fútbol. Pasei. Seguín xogando.

Fil: O teu contacto co fútbol campo produciuse en Madrid. Como foi?

CM: Marchei estudar e apetecíame xogar. Fun preguntar a un equipo que me dixeron que buscaba rapazas. O Puerta Bonita. Que tiña o equipo A e o B. Creo lembrar que un estaba como na Preferente e outro na 1ª Rexional. Fun alí e empecei a adestrar. Estiven dúas temporadas. Daquela estudaba na Universidade Rey Juan Carlos III no Campus de Móstoles. E xusto crearon un equipo da Universidade tamén de fútbol 11. Resultábame máis cómodo para adestrar e cambieime. Foi unha etapa moi bonita. Foi crear un equipo de cero. Ademais fun a primeira xogadora en marcar un gol. Unha casualidade. De rebote, dinlle e entrou. Xa levabamos catro partidos de liga. Unha odisea aquilo. Metíannos palizas… 7-0, 8-0… Cando marquei o gol tamén perdemos. Pero era o primeiro gol do equipo!

Fil: Podemos dicir que case que escribiches a primeira páxina da historia do club. Como foi que o deixaches tan cedo?

CM: Colguei as botas si. O fútbol require compromiso, esforzo e sacrificio. Adestrabamos dous ou tres días a semana e despois estaba o día de partido. O certo é que teño recordos moi bos. Dos dous equipos. Esa sensación de antes dos partidos era moi bonita, as viaxes no bus…Recordo especialmente un encontro contra o Atlético de Madrid B. Un duelo súper igualado e no que gañaramos 4-3.

Fil: Arrepínteste de non continuar máis tempo?

CM: Penso que podería ter seguido. Por distintas circunstancias funo deixando. E despois é complicado retomalo cando levas tempo sen adestrar. Que conste que non me adoito arrepentir de nada. Sempre é unha aprendizaxe. Si que puiden aguantar un pouco máis aí, pero todo ten o seu momento. E as botas non as colguei de todo, aínda sigo xogando eses partidos solidarios.

Fil: Como era Carmen Méndez dentro do terreo de xogo? Cal era a túa posición favorita?

CM: Xoguei sempre na zona de creación. De medio centro ofensivo. Pero tamén de interior esquerda. Xa non baixaba. E despois tamén de mediapunta e de dianteira. Se teño que escoller quédome coa de dianteira. Que non baixara non quere dicir que non presionara (risas).

Fil: Fútbol campo ou fútbol sala, con que te quedas?

CM: O fútbol sala penso que é máis técnico. E si que foi o que xoguei máis. Pero se teño que escoller quédome co campo. Tiña moito adestramento en campos abertos en Neira de Rei. Os campos eran amplos; máis que as medidas oficiais. A nivel fisico require estar máis en forma. Adapteime ben e gustoume moito. Daquela eran campos de lama e algún de herba artificial.

Fil: Podemos afirmar que Carmen Méndez xogou ao #FútbolNaLama?

CM: Algún partido acabei bastante enlamada si.

Fil: Gustaríache ter xogado nalgún equipo da provincia?

CM: Por suposto, sen dúbida. Se agora tivera once anos estaría xogando. E se fose en Neira de Rei ou Baralla mellor aínda.

Fil: Notas moitas diferenzas agora con respecto a túa época futbolística?

CM: Moita. Hai moitos máis equipos. Hai xente que vai ver partidos de fútbol feminino. Todo iso fai 20 anos era impensable. Cada vez está facendo máis ruido.

Fil: Nos anos 90 a situación en Madrid era diferente a da túa contorna?

CM: Era xa máis natural. Había máis equipos, máis movemento, ligas e recordo que a xente viña velos partidos. Todo fluía con naturalidade. A xente convivimos con cousas dunha maneira natural. Moitas veces complícannos a vida dende arriba. Por nós mesmos non temos prexuízos. Eu xogaba cos nenos, pero alguén dende arriba con prexuízo chámame a atención. Dese exemplo vese moito nos nenos. Son máis libres que os adultos. Aínda están máis puros, teñen máis inocencia e non hai filtros. Cousas que, de repente, nos inculcan na educación.

«Cando alguén me di que é de Lugo…esa persoa xa de entrada é guai«

Aínda que fose nun amigable, Carmen Méndez xogou ao fútbol na provincia. Portou a camisola do Racing Vilalbés nun partido benéfico que se xogou na Liga de Santaballa. Foto: Cruz Roja Española – Lugo

Fil: Como ben dicías segues xogando. Es, por exemplo, unha das grandes protagonistas do Derbi dos Artistiñas. Como o vives?

CM: Desfruto moitísimo. Son moi competiviva. Hai que gañar ata nas pachangas. O derbi é algo máximo. Xuntámonos tod@s. Primeiro xogando e despois vendo no campo o partido. É un día de unión entre nós. Outro exemplo do bonito que pode ser esa convivencia. O bonito é estar todos xuntos e desfrutar diso. O concepto do derbi pareceume sempre moi boa idea.

Fil: E tamén participas en iniciativas solidarias…

CM: O partido de Nadal coa SD A Gaiola é estar desfrutando de algo que me gusta e aínda por riba axudando. Xoguei bastantes encontros así solidarios. Sérveme para recordar os vellos tempos. E son a goleadora oficial do Celta e a capitá.

Fil: E non che piden que sexas algo máis do Lugo?

CM: Claro! Dinme que sendo de Lugo… Quizais o CD Lugo aínda non tivo ese momento de crear a masa social que teñen o Dépor ou o Celta. Pero evidentemente que hai moita xente que o vai ver. E ten moitísimo mérito que se mantivera todos este anos en Segunda. Téñolle moito cariño. Ao ser da provincia notas un apego especial. E como cando alguén me di que é de Lugo. Esa persoa xa de entrada é guai.

Fil: E pensaches en seguir ligada ao fútbol dalgún xeito? Ser adestradora, por exemplo…

CM: Si que me molaría. Algunha vez pensei “que habería que facer para selo”. Adestrando si que me vería. Que me motivaría. Non de maneira profesional vaia.

Fil: Es afeccionada de fútbol?

CM: Teño que recoñecer que ando un pouco despistada. Miro o resultado, aínda que o mellor non podo ver o partido. Tiven épocas de estar máis pendente que agora. Desfruto vendo un partido. Do Celta máis que doutros (risas).

Fil: E que opinión che merece como está montado este choio?

CM: O fútbol move moitísimo diñeiro. É un negocio. Paréceme excesivo. Que un xogador gañe o que gaña soa como a unha barbaridade. Que pasa? Entendo que é un neogocio e que gaña tanto porque o xenera. Tamén se lle dá moita publicidade. Está moito máis visibilizado. Hai outros deportes que polo que sexa, non se lles dá tanto bombo. Senon ao mellor estabamos vendo balonmán ou pádel. Teño esa contradición. Ademais hai un punto do fútbol no que á xente utilízao como vía de escape. Con agresividade e insultos. Iso non é o espírito dun deporte. O deporte é a unión de compartir un mesmo gusto. Hai que fomentar esa unión. Parece que o fútbol separa cando debería unir. Todo ese diñeiro envólveo e o espírito do deporte é totalmente o contrario; moito máis libre.

«Nunca escribira e estiven pensando en ideas para facer unha curta»

Carmén Méndez interpretando a Rita na serie da TVG Pazo de Familia. Foi nominada aos Premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria.

Fil: Hai puntos en común entre unha actriz e unha futbolista?

CM: Para estar en forma para xogar e para dalo mellor de ti; hai que adestrar moito. Hai que ser moi constante. Iso é o mesmo que necesitas como actriz. Un constante adestramento para subir a un escenario ou gravar. E notas esa adrenalina de cando un partido ou unha actuación sae ben porque hai moito traballo detrás.

Fil: Pero iso tampouco significa que se algo sae mal sexa porque non houbo traballo…

CM: Se non sae ben e hai un traballo previo detrás, non te vas sentir mal. Pero estás preparado. Igual que unha futbolista adestra o seu corpo, unha actriz tamén traballa o seu corpo e as súas emocions. É exactamente o mesmo. Creo no traballo e na formación.

Fil: Como sería un club no que xogara ou presidira Rita de Pazo de Familia?

CM: Ese equipo sería moi organizado. E tamén moi esixente. Esixiría tanto que sería un bo equipo. En equipos de fútbol é importante seguir unhas normas. E aquí cumpriríanse. Faltaríalle espontaneidade. Gañarían, pero non sei se desfrutarían. Serían felices? Faltaríalles un “veña desfrutade un pouco máis, aínda que non gañemos todos os partidos”.

Fil: E como sería un club liderado por Magdalena de Auga Seca?

CM: Sería máis ambicioso ca o anterior. O equipo de cara a galería sería como moi guai. Moi eficientes, pero sería máis de cara. Internamente habería moito máis desorde. Como teñen que aparentar ser bos, farían o seu traballo para aparentar ben. Un pouco infelices.

Fil: Como che están indo as cousas a nivel profesional?

CM: Estou moi contenta. Cando tes algo dentro, hai que deixalo saír. Non recordo quen o dicía. Agora son tempos difíciles. Co tema da Covid houbo un parón no sector cultural que é moi fráxil. Non vivimos, sobrevivimos. Hai moitas dificultades no noso traballo. É moi inestable. Imos de proxecto en proxecto. Este tipo de crise a sectores máis vulnerables aféctalles de maneira máis directa. É un momento para reflexionar.

Fil: Pódese sacar entón algo bo?

CM: Por exemplo, eu nunca escribira. E estiven pensando en ideas para facer unha curta. Tamén poden ter algo de positivo todos os momentos de crise.

CARMEN MÉNDEZ EN CURTO…

Carmen Méndez de visita no Santiago Bernabeu. O campo no que presenciou un partido en directo por 1ª vez. Iso si, desta volta coa camisola celeste

Campo de fútbol: Santiago Bernabéu. A primeira vez que vin un partido en directo foi aí. Foramos a Madrid con meu pai. Era un partido da Liga de Campións. Cuartos de final. Real Madrid – Bayer Leverkusen.

Un xogador@: Súper fan de Zidane.

Un gol: o primeiro co equipo da Universidade.

Un soño futbolístico: Que o Celta, o Dépor e o Lugo xogaran en Primeira. E que as afeccións o celebraran. Que houbera unión.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*