A nova estación entrou mollada e incluso nevada por algúns puntos da provincia, pero as notas Futbolinlugo veñen quentiñas como xa estades afeitos. Esta semana sen Terceira grupo norte que volverá a próxima fin de semana cos seus play-offs. E tamén estamos nas vésperas de que finalice a Terceira grupo sur que dende o pasado domingo xa ten un equipo menos. O Castroverde retornou á Segunda Galicia onde o acompañarán no ascenso directo o Portomarín (depende de si mesmo) ou o Monterroso B (ten que gañar e agardar que falle o Portomarín).

O ás: Fernando do Folgueiro

O Folgueiro colleitou un empate sen goles nunha das saídas máis complicadas da categoría, a do Municipal de Xermade. O conxunto local é un dos favoritos a acadalo ascenso e a pesar da igualada segue nos postos de ascenso directo. Fernando Rodríguez evitou os goles xermadinos con varias paradas de mérito que lle serven o seu equipo para sumar 31 puntos e afastarse un pouco da zona de descenso e dos posibles arrastres.

A figura: Santi do Friol

O Friol empataba cero a cero ante o Sporting Lucense no minuto 89 de partido. Aí foi cando apareceu Santi Vázquez para marcar o gol da vitoria desde o saque de curruncho, é dicir, un gol olímpico que vale tres puntos e que lle permite o conxunto friolés sentenciar a súa salvación e esquecerse de problemas a pesar dos arrastres.

Nin pé con bóla: Palas

Hai dúas xornadas o Palas era o líder indiscutible da Segunda grupo sur, cunha vantaxe de seis puntos sobre o segundo clasificado. Non obstante, perdeu dous partidos consecutivos ante dous rivais da zona alta, Residencia B e Brollón que lle fixeron perder o liderato. Aínda así, segue empatado co SDC San Roque á fronte da clasificación con dous puntos de diferenza sobre o terceiro, o Ferreira. Precisamente o San Roque e o Ferreira son dous dos catro rivais que lle quedan de aquí o remate de competición.

Demasiado intenso: Borja do San Lázaro

O San Lázaro perdeu por 4-1 ante  Becerreá e catro tamén son os partidos cos que foi sancionado o porteiro Borja Figueiras que despois de recibir un carton amarelo a comezos da segunda metade foi expulsado nos últimos intres do partido. Segundo a sanción, Borja tivo unha mala actitude ante o árbitro do encontro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*