Nesta décima xornada da Primeira, deixámosvos os resumos e mailos Máxicos. Disfrutade da lectura!

*Xove Lago-San Roque: Resistencia numantina do San Roque nun Municipal de Xove, que aguantou incriblemente toda a auga que caeu. Nun encontro sen demasiadas ocasións de gol, as máis claras foron para os de Bruno Gómez. Carlos erixiouse no salvador dos capitalinos, ao deter dous mans e mans e realizar un par de intervencións fundamentais. Os mariñáns apenas sufriron en defensa a pesares de ter que cambiar a dous dos seus efectivos por lesión: Alberto e Eric.

*Burela-Guntín: Duelo de estilos nunha Marosa que deixou escapar dous puntos máis. Adiantouse o Guntín na sorpresa da xornada. O Burela, dono da posesión e das mellores ocasións, igualou antes do descanso. Os de Jaime Méndez culminaron a remontada na segunda metade. Aínda que, unha indecisión entre os dous centrais no minuto 85, resultou fatídico. Os balóns en longo do cadro de Martín atoparon o premio dun punto nunha praza compricada.

*Lourenzá-Monterroso: Alternativas nun duelo no que o Lourenzá mostrou que ten moito máis fútbol do que reflicte o marcador. Nun terreo de xogo en difíciles condicións, adiantáronse os locais. A resposta dos da Ulloa foi instantánea, culminando a remontada nunha primeira metade na que tiveron ocasións para marchar con vantaxe aos vestiarios. No entanto, os de Diego Rego volveron as táboas ao marcador antes do descanso. Na segunda metade, igualáronse as forzas aínda máis e os de Óscar Méndez levaron os tres puntos nunha contra.

*Friol-Atlético Escairón: O líder pasou serios apuros para sumar un novo triunfo na Reigosa. De feito, os puntos chegaron cun solitario gol de penalti na primeira metade. Nun encontro no que os porteiros foron case meros espectadores, ambas zagas realizaron un notable exercicio defensivo. Porén xa se sabe que nisto do fútbol as dinámicas inflúen e moito. E os de Jon Vázquez quedaron sen premio ante un rival que ademais de artillería na dianteira, esta xornada sacou a relucir tamén os seus argumentos na retagarda.

*Riotorto-Chantada Atlético: Tarde negra para o Chantada Atlético na Veiga. Os de Fran García marcharon ao descanso con empate a un gol, despois de igualar o tanto inicial de falta do Riotorto. Na reanudación, os de Suso Orxás mostraron a súa mellor versión e deixaron os puntos na casa. Todo isto ante un rival que sufriu as lesións de Mico, Ariel, José e o porteiro Moure. E que viu como o colexiado lle anulaba un gol a Anthony, que puido significar o hipotético 2-2 nese momento.

 

*Outeiro de Rei-Folgueiro: Partido relativamente cómodo para o Outeiro de Rei. Nun terreo de xogo en mal estado, os de Josito Jul trataron de facer o seu fútbol combinativo a pesares das dificultades que agasallaba o campo. Marcaron dous goles nunha primeira metade na que Aurelio non faltou á súa cita co gol. Na reanudación, a expulsión do porteiro visitante anulou calquera opción de remontada para o Folgueiro. Adrián Román pechou o seu doblete neste segundo tempo.

*Taboada-Castro: Duelo raro e máis igualado do que sinala o marcador final de 3-0. O Taboada adiantouse antes da expulsión de Pedro Díaz antes da media hora de xogo. Cun home menos, o Castro fixo o seu mellor fútbol. No entanto, o gol caía de novo do lado dos de Manu. No tramo final, Sesiño foi expulsado a cometer penalti. Dumi errou e os de Vitín perderon unha oportunidade de ouro para meterse de cheo na loita polo empate. Os branquiazuis puxeron a ‘puntilla’ co terceiro e definitivo gol cando o encontro xa morría.

*Chantada-Pastoricense: Encontro que quedou resolto antes do descanso. No minuto 5, os de Juan Rodríguez xa vencían por 2-0. E conseguiron outros dous tantos máis na media hora seguinte. Na segunda metade, rexistráronse oportunidades para ambos equipos. Non existía presión algunha polo resultado porén o marcador non se moveu máis.

*Santaballés-Pol: ‘Noventa minuti na Liga son molto longo’. O Santaballés conseguiu unha traballadísima vitoria ante un Pol moi combativo. Os de Fernando Corredoira dominaron a primeira metade. Aínda así, Vérez viu porta xusto antes do descanso. Os chairegos tiñan así o seu guion preferido. Gardar a roupa con vantaxe. E nunha desas mataron o encontro. Novamente Vérez tras unha boa acción de Álex Novás. O Pol buscou sorte sendo algo máis directo, porén nin con esas. O partido rematou con tres expulsados. Roberto Bravo, Adrián (no banquiño) e Chechu.

Comparte
                                       

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*