Un festivo na metade da semana é unha boa desculpa para disfrutar dunha nova xornada de bo fútbol. A Preferente non descansa, e é a única categoría que disputa encontros neste día de Santos, polo que aos que nos gusta que o balón rode estamos de noraboa. Os nosos cinco representantes teñen compromisos con rivais directos.

S.D. SARRIANA – RIBADEO F.C.

Alberto López chegou esta campaña ao banco da Sarriana

A Ribela acollerá ás 16:30 horas un encontro entre dous dos catro conxuntos que aínda se manteñen invictos logo de dez xornadas disputadas. O conxunto local é o segundo clasificado con 28 puntos, a tan só dous do líder, o intratable As Pontes. Os pupilos de Alberto López tan só cederon un empate na Grela ante o Montañeros. Os números dos sarriaos na casa asustan: cinco encontros disputados e outras tantas victorias, catorce goles a favor e tan só dous en contra.

Con esta carta de presentación, a Sarriana recibe ao Ribadeo, cuarto clasificado con vinte puntos. Malia non coñecela derrota, unha xeira de catro empates consecutivos distanciou en oito puntos aos mariñáns dos postos de ascenso directo. Os de Rafa Casanova disputaron cinco encontros lonxe do Pepe Barrera, acadando tres empates e dúas victorias, destancando a solidez defensiva, posto que só apañaron tres goles na súa porta. Unha derrota ribadense na Ribela suporía ver ao seu rival a once puntos, distancia considerable pouco máis que mediada a primeira volta de competición.

VIVEIRO C.F.  – XALLAS F.C.

Un cuarto de hora antes que na Ribela, ás 16:15 porase o balón en xogo en Cantarrana. O Viveiro recibe no seu feudo a un Xallas que chega logo de golear na Fontenla ao Estudiantil. O conxunto e Santa Comba, que xa trocou de técnico non atopa a regularidade de resultados, posto que na súa última saída perdeu en Sarria por cinco tantos a cero. Malia todo, só conta con tres puntos menos que o conxunto viveirense.

Marino acadou o gol da igualada do Viveiro a pasada xornada en Boimorto

Ao cadro adestrado por Chusky saltáronlle as alarmas ao comezo de competición. Aínda co medo no corpo logo do complicado final da pasada temporada, as tres derrotas consecutivas foron un xarro de auga fría. Nin o calendario se presentaba doado, nin a imaxe do equipo era mala, polo que os triunfos non tardaron en chegar, e das sete xornadas seguintes, o Viveiro acadou cinco triunfos e dous empates. Coas baixas por lesión de Yoel, Dani e Juanín, pero con Xaime e Tichu xa da partida logo de cumplir sanción, un novo triunfo metería de cheo aos da cidade do Landro na parte alta da clasificación.

C.D. FOZ – S.D. NEGREIRA

Ás 17 horas o Martínez Otero será o esceario dun encontro entre rivais directos por escapar da zona de perigo. A priori, os nicrarienses estaban chamados a ocupar un dos postos de privilexio logo do descenso a pasada temporada de Terceira División. Pero o cadro adestrado por Juan Cabrejo renovou unha parte importante do plantel de xogadores, e non comezou a liga con bo pé, pero agora logo de dous triunfos consecutivos ante San Tirso e Ordes suma 12 puntos, tres máis que os mariñáns, e ocupa a décimocuarta posición.

O Foz, con nove puntos, é décimosexto clasificado, pero a medida que pasan as xornadas a súa adaptación á categoría é maior. Tres xornadas sen perder e catro encontros consecutivos sumando como local. Equipos como o Arzúa ou o Arteixo non foron quen de gañar no feudo focense. Encontro importante para os pupilos de Gayol, que afrontan un mes de novembro trascendental, no que se enfrontarán a rivais directos como Agolada, Boimorto ou Montañeros.

AGRUPACIÓN ESTUDIANTIL – C.D. CASTRO

 

O encontro máis madrugador disputarase no campo de San Martiño ás 12 horas. Ningún dos dous equipos coñecen o sabor da victoria nesta temporada, pero as sensacións son ben diferentes. O conxunto local, que parecía que ía agardala sentencia do seu contencioso coa Federación en Terceira Autonómica, decidiu saír á última hora en Preferente e polo momento non foi quen de puntuar. 44 goles en contra en 10 xornadas son testigo da fraxilidade defensiva do cadro estradense.

O Castro buscará o primeiro triunfo desta campaña no campo do Estudiantil

O Castro suma tan só tres puntos, todos eles acadados no Arturo Pereiro ante Montañeros, Boimorto e Ribadeo. Logo da saída de Edrosa e a chegada ao banco chairego de Brais Prados a imaxe do equipo mellorou, e amósase competitivo cada encontro. A visita ao Estudiantil pode selo trampolín que o equipo necesita, a nivel moral e de puntos.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*