Para os que coñecen a historia do Burela facíaselles raro ver ao equipo na Segunda Rexional, despois do descenso do curso pasado. Dende o comezo do verán o cadro da Marosa víase como o gran referente da categoría e nel estaban postas as expectativas máis altas. Aínda que este papel ás veces non é fácil de xestionar, o cadro burelao estivo intratable na segunda parte do campionato regular, conseguiu o ascenso e a fin de semana logrou o dobrete ao vencer ao Brollón na final da Copa Jorge Tato.

Abel Eijo comandou ao equipo verde dende o banco nesta temporada que cualifica como “excelente despois de conseguir todo o que conseguimos. Empezamos a primeira volta con dificultades, xa que non é sinxelo adaptarse á categoría. Na segunda foi o equipo que tiña que ser. E agora chegou o cume ao conseguir a Copa”. O preparador é consciente de que o equipo non se podía permitir outra temporada na Segunda: “Sempre dixen que o que non fora ascencer para o Burela sería un fracaso. Non é o mesmo xogar por xogar cando estás no medio da táboa ca saír como saíamos nós que tiñamos a obriga de gañar e non distanciarnos dos de arriba na primeira volta”.

Por riba de todo, o preparador destaca o nivel físico dos seus xogadores como unha das chaves para o éxito da temporada. “O equipo físicamente estaba mellor ca ningún. Nas primeiras partes os rivais aguantaban, pero nos segundos tempos víñanse abaixo”, apunta Abel quen sinala tres momentos ao longo da campaña: “Cando conseguimos 30 puntos en 10 xornadas e nos puxemos na cabeza da táboa, o día do ascenso e o domingo pasado coa vitoria na Copa”.

 

E que o cadro burelao non se confirmou con dominar o grupo norte da Segunda Autonómica con 70 puntos e 22 vitorias. Foi pasando roldas no trofeo copeiro ante o Mondoñedo, Celeiro, Folgueiro, Cervo e Fonsagrada ata plantarse na final e vencer a un meritorio Brollón. “Tanto eu como a directiva conversamos cos futbolistas se querían xogar en serio a Copa ou tomala para cumprir…había o premio de xogala no Anxo Carro e os xogadores metéronse no papel de querer xogala final“, informa o adestrador sobre como o equipo afrontou a última competición do curso despois de conseguir o obxectivo principal.

O Burela saíu vitorioso do Anxo Carro, algo que nas últimas temporadas pasou a ser outros dos atractivos da Copa. As finais no único estadio de fútbol profesional da provincia son todo un aliciente para os que participan nela. “O Anxo Carro non é o mesmo estadio que hai 20 anos. Sempre é bonito vivir ese ambiente”, destaca Abel.

O Burela pecha así un ano exitoso e xa prepara o seguinte no que haberá cambio no banco. Abel Eijo deixará o seu cargo de adestrador. “Agora mesmo non teño moitas gañas de adestrar. Para o Burela o mellor era que trouxera outro adestrador con máis ilusión”, afirma o preparador quen remata esta etapa con bo sabor de boca: “Contento porque unha temporada despois, volvemos recuperar a categoría, na que polo menos é onde ten que estar o Burela”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*