Seguimos sacando novas pinceladas do fútbol que está por vir. Así o facemos a medida que a Real Federación Galega de Fútbol se reúne cos nosos clubs. Hoxe foi o turno dos conxuntos de Segunda e Terceira Galicia. Despois de varias horas de reunión, puidemos sacar varias conclusións. Algunhas novas e outras que se ratifican a cada día que pasa.

A idea federativa semella clara: si aos ascensos e non aos descensos. Así será sempre e cando se atope o amparo legal, xa que as nosas competicións forman parte dun sistema en cascada que desemboca na Real Federación Española de Fútbol. E, por ende, na Liga de Fútbol Profesional. A explicación resulta moi sinxela: o teito para un equipo recén formado en Terceira Galicia sería a Primeira División no caso de ascender todas as categorías que estén na súa man.

O primeiro que deixou claro o presidente Rafael Louzán é que a vindeira temporada «non será normal». E a reorganización das categorías é toda unha realidade. O que si se pode dar case por feito é que só haberá ascensos directos. As únicas promocións que se disputarían serían as de Segunda División B e Terceira División. Polo tanto en Terceira Galicia, en principio, non se xogaría o play off do terceiro ao sexto clasificado. Neste caso a resposta federativa a ese terceiro ascenso, foi que se «intentaría premiar méritos deportivos pero non hai nada seguro». É dicir, de existir ese terceiro ascenso suponse que iría a parar aos terceiros clasificados. Todo no aire.

Por outra banda, o dilema da segunda praza de ascenso no Grupo Norte da Segunda Galicia sería para o Sporting Pontenova. Primaría o golaverage xeral ao non xogarse os dous partidos ante o San Ciprián, co que está empatado a puntos. Iso si, a Federación prometeu estudar este caso concreto. Ao igual que outros. «A Federación estudará caso por caso para intentar ser o máis xustos posibles», comentouse.

Outro foco de debate foi a nova Terceira Galicia, que quedaría con menos de dez equipos. A postura é clara: «Hai que darlle unha volta». Varios clubs mostraron a falta de atractivo que tería esta categoría pero a idea federativa é mantela. Pese a que algunha entidade pediu que se acabase con ela e rematar ese sistema en cascada na Segunda Galicia. Un sistema que sufrirá máis cambios, co obxectivo de que na campaña 2022-2023 o noso fútbol quede definitivamente reestruturado.

ROGOS E PREGUNTAS

Vaise devolver parte da mutualidade desta campaña 19-20? Non. Estase intentando non subir o prezo da mutualidade da temporada que vén.

Rematarase a Copa Deputación deste ano 2020? Se é posible xogarase o que falta no ano 2020. Se hai que faceo en 2021, habería que facer unha serie de trámites administrativos por parte da Deputación.

Estudase a posibilidade de rematar a competición en ano natural, é dicir no ano 2020? Todo depende da Federación española e da evolución da pandemia. Estase valorando. É legal rematala en ano natural pero todo depende do que fagan Segunda B e Terceira División pola interconexión das categorías.

Poden poñer exemplos de como tramitar temas administrativos e de axudas aos equipos modestos? Estase traballando nun sistema para que os equipos teñan menos traballo. E que os gastos sexan os menores posibles.

Cando vai comezar a temporada que vén? Non se vai empezar ata que as autoridades sanitarias o autoricen. E coa autorización dos concellos para utilizar os campos de fútbol para xogar normalmente. De feito, miraremos temas de limpeza con eles. Estase valorando e traballando en distintos aspectos para a estruturación das competicións pero ata que non haxa o OK para xogar non se decidirá dita estruturación.

Público ou non? Vaise propoñer empezar con público as competicións mantendo as distancias de seguridade.

Play off de ascenso en todas as categorías? Están estudando a proposta. Moitos equipos o valoran positivamente.

Como convences aos pais para que deixen aos nenos ir xogar? Cando Sanidade o autorice. Están traballando de maneira conxunta. O fútbol base está suspendido pero non se fai aínda oficial xa que están vendo como estruturar as categorías.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*