Ademáis do Partido da Xornada, este fin de semana temos na xeografía lucense encontros máis que interesantes, que resumimos na nosa Axenda:

TERCEIRA DIVISIÓN

 – Racing Vilalbés – S.D. Silva (Domingo ás 16:30 horas na Madalena): logo da última derrota no Poboado, os de Simón Lamas tentarán voltar á senda da vitoria no seu feudo para seguir na zona cómoda da clasificación. Enfronte un Silva que acumula catro xornadas sen gañar e tres puntos menos que os chairegos. O focense Xusto retorna á que foi a súa casa nas últimas temporadas.

PREFERENTE NORTE

 – S.D. Residencia – S.D. Sarriana (Domingo ás 12 horas na Cheda): con sete dos últimos nove puntos acadados, os de Álvaro Meilán atravesan o mellor momento da temporada, e un triunfo no derbi provincial situaría o cadro lucense na metade da táboa. Non o terá doado ante unha Sarriana que chega tras golear ao Foz e con boas sensacións desde a chegada de Xoan Peón ao banquiño da Ribela.

– Ribadeo F.C. – Atlético Arteixo (Domingo ás 16:15 horas nas Valgas): encontro trampa para os de Rafa Casanova. Reciben a un conxunto que se atopa moi lonxe dos postos de privilexio logo dun mal arranque de campionato, pero que conta cun gran potencial, malia non contar por sanción co seu goleador Taibo. Os mariñáns tentarán repetir o bo encontro desenrolado ante o Sigüeiro.

– C.D. Foz – Noia C.F. (Domingo ás 16:30 horas no Martínez Otero): rachas contrapostas. Os de Gayol non gañan desde finais de outubro, mentras que os de Iván Carril non perden desde o 1 de novembro. O Foz en descenso directo e o Noia xa preto do ascenso. Pero a xeira dos mariñáns debe cambiar e nada mellor que facelo no día da presentación do seu novo himno. Gonzalo retorna á convocatoria tres meses despois.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

 – Friol C.F.  – U.D. Pastoricense (Sábado ás 16:15 horas na Reigosa): encontro entre dous conxuntos que pelexan por fuxir dos postos de perigo. O cadro local, logo de seis encontros sen gañar, ocupa praza de descenso. Os visitantes, reis do empate, suman un punto máis que o seu rival, e foron quen de puntuar nas dúas últimas saídas ante o Monterroso e Chantada Atlético.

– S.D. Monterroso – S.D. Pol (Domingo ás 16:15 en Cerdeiriños): dous aspirantes a ocupar unha praza de ascenso a Preferente. Os de Óscar Méndez, a cinco puntos do segundo, tentarán rachar a gran xeira dun Pol que xa presentou a súa firme candidatura ao salto de categoría.

SEGUNDA AUTONÓMICA

 – C.D. Alfoz – C.D. San Ciprián (Sábado ás 16 horas no Municipal de Alfoz): o cadro local, que non perde desde a primeira xornada de liga, precisamente ante os de Carra, son líderes logo dunha espectacular xeira de resultados. O Sanci buscará un triunfo para ocupar de novo a primeira praza e evitar que se aprete a zona alta.

– Ferreira C.F. – S.D.C. San Lázaro (Domingo ás 16 horas no Baliño): segundo contra primeiro. Os de Pantón tentarán reducir a diferencia de seis puntos co líder e ao mesmo tempo asentarse definitivamente na zona de ascenso. Enfronte, os de Diego Rey teñen a oportunidade de dar un golpe enriba da mesa e abrir brecha cos inmediatos perseguidores.

TERCEIRA AUTONÓMICA

 – A.D. Catro Roldas – A.D. Matela (Domingo ás 16 horas na Canteira): os de Román logo de tres derrotas buscarán reconducir a súa traxectoria para non ver perigar o posto de promoción. Enfronte un Matela que chega a este encontro logo de gañar os seus tres últimos enfrontamentos e buscará achegarse a un difícil posto de ascenso directo.

PRIMEIRA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – Peluquería Mixta Friol B – Orzán S.D. (Domingo ás 16:3o horas na Reigosa): logo de máis de dous meses sen perder, o cadro dirixido por Covi tentará darlle continuidade á boa racha ante un rival situado na sexta praza a tan só cinco puntos das lucenses. Encontro para acomodarse na zona alta.

SEGUNDA DIVISIÓN GALEGA FEMININA

 – S.D. Chantada – Sporting Cambre (Domingo ás 18 horas no Sangoñedo): as últimas tres vitorias consecutivas deberan ser alicerce para que as chantadinas lle planten cara ao todopoderoso líder. O cadro coruñés conta por triunfos os seus catorce encontros ligueiros.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*