“Mery” e “Peke” xogan no equipo feminino sénior da SCD Milagrosa pese a súa corta idade, polo que xa teñen un gran mérito nas súas costas. Por enriba, contando con minutos dabondo e sendo parte importante do plantel do equipo do López-Gorgoso.

Pero ollo, o conto non se queda aí! As dúas rapazas foron convocadas coa selección galega sub18, con motivo da disputa dun encontro amistoso o pasado martes ante o primeiro equipo feminino do Real Club Deportivo da Coruña, militante na Segunda División Nacional, un dos clubes punteros en Galicia.

Está claro que a fazaña que protagonizan María e Peke non pode pasar desapercibida, polo que hoxe falamos con ambas, para coñecer que é o que permite a estas dúas mozas chegar tan lonxe. Velaquí as súas verbas!

Comezamos pola lateral esquerda de 17 anos, María López “Mery”.

FUTBOLINLUGO: É a primeira vez que representas a túa comunidade?

MARÍA LÓPEZ: Non. Tiven a oportunidade xa o ano pasado coa Sub 18 e cando era mais nova tamen estiven presente en algunha que outra citación coa Selección, por exemplo, coa Sub 16.

 

FIL: Que sentes cando o fas?

ML: A verdade e que é un orgullo para min e para calquera galega vestir as cores da Selección. Son novas vivencias e momentos para recordar no futuro. Intento aproveitar ao máximo cada citación para que me sigan chamando e poder aportar cousas positivas ao colectivo.

 

FIL: Que esperabas do partido ante o Dépor?

ML: Foi un partido, ao fin e o cabo, de preparación para futuros campeonatos que dispute a selección. Intentamos facelo o mellor posible para crecer como grupo e tamen no individual.

 

FIL: Imaxinamos que moi boas, pero como están a ser as sensacións personais este ano?

ML: As sensacións son moi boas. Atópome ben aquí, tanto personal, física como deportivamente. Intento mellorar cada día nos adestramentos e espero seguir mellorando.

 

FIL:  E a nivel de conxunto na SCD Milagrosa?

ML: Somos un grupo moi humano. Todas traballamos para facer crecer o Fútbol Femenino na nosa cidade, ao igual que o equipo, que traballa día a día para seguir crecendo e manter un grupo sólido. Esta tempada somos un grupo reducido, que sofre moitas baixas, pero dende o traballo e o compañerismo podemos acabar o ano ben.

 

FIL: Agardas seguir xogando ao fútbol nos vindeiros anos?

ML: Si. Levo dende pequena e o fútbol é moi importante para min. Xogarei ata que non aguante ou ata que me boten.

 

Tras as verbas de María, contrastamos as respostas coas da súa compañeira e amiga “Peke”.

FUTBOLINLUGO: É a primeira vez que representas a túa comunidade?

PEKE: Non, anteriormente xa tiven a oportunidade de xogar a segunda fase do campionato nacional de seleccións sub-16 no ano 2016 realizado en Valencia. Nese mesmo ano xoguei tamén un torneo en Vigo coa sub-18 unha vez rematadas as ligas.

 

FIL: Como te sentes ao ter esta oportunidade?/Que sentes cando o fas?

P: Cando teño esa oportunidade sintome emocionada de formar parte dunha seleccion xa que te están recoñecendo como boa xogadora. Tamén afortunada por elixirme a min fronte a outras boas xogadoras doutros clubs.

 

FIL: Que sacas do partido ante o Dépor?

P:  Foi un partido bastante duro debido ao gran nivel dun gran equipo. A pesar de que o resultado non foi o mellor, creo que cando xogas cun equipo de tanto nivel podes aprender cousas novas. Persoalmente, sentinme cómoda xogando coas miñas compañeiras e paseino moi ben disfrutando do partido e dando o máximo para que vexan que teño interés por xogar coa selección e de aprender das miñas compañeiras e tamén dos adestradores.

 

FIL: Como están a ser as sensacións personais este ano?

P: Tamén son moi boas, pero creo que podo mellorar nalgúns aspectos

 

FIL: E a nivel de conxunto na SCD Milagrosa?

P: No equipo, teño boas sensacions e creo que hai un bo ambiente entre nos pero tamen penso que podemos mellorar apoiandonos unhas coas outras.

 

FIL: Agardas seguir xogando ao fútbol nos vindeiros anos?

P: Espero poder seguir xogando máis anos ao fútbol e disfrutando deste deporte.

Seguiremos de preto as andainas destas dúas lucenses na selección autonómica, na que de seguro darán moito do que falar!

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*