Fai xa un par de semanas, de casualidade, topei cun desagradábel comentario nunha archicoñecida rede social. Non lembro o resultado exacto, pero viña a dicir algo así coma: “17-0, qué buenos son mis niños”. Escribía o técnico dos rapaces “gañadores”, claro, que, coido, son de idade benxamín ou prebenxamín.

Non podía saír do meu asombro. Primeira pregunta: como pode darse un resultado así nestas categorías? Segunda: como se sentirán os “perdedores” -cando se xoga por disfrute, non debe habelos-? Terceira: como, ademais, o adestrador pode xactarse?

Ás veces, a diferenza de nivel é tan alarmante que é case imposíbel evitar unha goleada. Sabémolo todos. Pero hai moitas maneiras de facer que ese resultado sexa menos abultado. Poñámonos na pel dun rapaz de seis anos.

O partido comeza ás 10:00 horas. Ás 8:30 almorzo con toda a ilusión do mundo xunto ao meu pai. A el tamén gústalle verme xogar. E, sobre todo, verme sorrir. Saímos cara ao campo. Alí, xunto a todos os meus amigos, segue viva unha tremenda ilusión. É a primeira vez que calzo as botas do meu ídolo. Encima douradas, que vén de gañar o Balón de Ouro. Alucina. Comeza o encontro. 1-0. 2-0. 3-0. 7-0. 10-0. 17-0. Volto a casa triste, desolado. Que lle respondo ao meu avó, cando me pregunte polo resultado? Nesa humanidade, claro, non pensan os rivais.

De nada lle serviu ao conxunto superior. Nin os cativos melloraron futbolísticamente -secundario- nin medraron coma persoas. Eles, claro está, non van botar o freo de man. Son nenos. A responsabilidade non é súa. Si de quen lles aplaude.

Son varios xa os clubes que tomaron a decisión de non publicar os resultados das súas categorías inferiores cando superen os cinco ou seis tantos de diferenza. O Alondras, sen ir máis lonxe. Só queda agardar que máis entidades sigan o seu exemplo. Coidemos ó fútbol base. A responsabilidade, cada un na súa parcela, é de todos.

Manuel Amor: xornalista e xogador da base lucense.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*