Redactor - Diego Díaz Martínez

‘Penedessi’, o gol do ano no fútbol provincial

A Xornada 25 na Primeira deixou os seguintes resumos e Máxicos:

*Guntín-Santaballés (2-2): Duelo de conxuntos correosos no Ladairo. Os dous goles da primeira metade naceron do balón parado, virtude de ámbolos dous equipos. Adiantouse o Santaballés na continuación dunha falta lonxana. Empatou o Guntín tras un saque de banda. Os de Dani Moirón impuxeron o seu xogo na segunda metade ante un rival perigoso á contra. Despois de varias oportunidades marradas, Álex Novás situou o 1-2 de penalti. Non foi definitivo, xa que Omar igualou nun lanzamento con parábola. De aí ao final, os visitantes tiveron un par de ocasións para levar o choque, que rematou en táboas.

*San Roque-Lourenzá (1-3): Complícase a vida o San Roque despois de caer ante un Lourenzá que ben merecía unha alegría deste tipo. Nunha primeira metade sen apenas ocasións, os laurentinos abriron a lata cun tanto en propia meta. Puxeron terra de por medio cun golazo de falta de Yago Cruña á volta dos vestiarios. A partires de aí, o San Roque intentouno. Recurtou diferenzas. Pero no desconto, os de Diego Rego sentenciaron co definitivo 1-3.

*Pastoricense-Xove Lago (3-0): Todo se decidiu na primeira metade, onde chegaron os tres goles. A seriedade, o balón parado e xogo directo local tumbaron a un Xove Lago desaparecido. Ademais houbo tempo a ver un dos mellores goles do ano. O de Manu Penedo, en plan Messi. Regateando ata cinco contrarios dende campo propio e tumbando ao meta rival previa asociación con Iago e Dani. No segundo tempo os mariñáns tiveron varias ocasións claras, cun pau e un longueiro entre elas. Pero sobre todo moitas mellores sensacións a pesares da expulsión de Samu. Iso si, xa era tarde para remontar. Tara debutou cos de Bruno Gómez.

*Folgueiro-Burela (2-4): O Burela asaltou Boavista nun partido de xogo directo. Adiantáronse os de Jaime Méndez por dúas veces na primeira metade. E empataron outras tantas os locais, con goles dos dous de sempre: Oki e Aurelio. Na reanudación, a expulsión de Felipe Varela non impediu a vitoria visitante. Galifaron Diego Chao e Jairo, de novo. E incluso o cadro verde se permitiu o luxo de fallar unha pena máxima.

*Chantada Atlético-Friol A (5-1): O viño deu forza a un Chantada Atlético superior no Sangoñedo. E especialmente a Adri, autor dun hat trick. Os de Fran García impuxéronse con claridade nun encontro no que xa vencían por 3-1 pasada a media hora de xogo. Decretáronse ata tres penaltis durante os noventa minutos. O Friol non marrou o seu. Mentres que os locais viron a cara e a cruz dende os once metros. As numerosas baixas lastraron aos de Rafa Casanova, que seguen en perigo.

*Atlético Escairón-Castro (2-0): Tres puntos máis para un líder que non falla. Nun partido frouxo, os locais fixeron bo o tempraneiro gol de Pandiani para marchar con vantaxe ao descanso. O Castro tivo as súas opcións a balón parado e a través do xogo directo. O dominio dos de Marcos Veiga mantívose tralo paso pola zona de vestiarios. Iso sí, co segundo gol do Atlético Escairón e o paso dos minutos; foise diluindo no maltreito céspede do Saviñao.

*Monterroso-Taboada (1-2): Típico derbi nun Cerdeiriños ateigado de xente. Emoción, polémica e pouco fútbol na Ulloa. A primeira metade rematou sen goles nun periodo no que o Monterroso foi de máis a menos, desperdiciando varias oportunidades para adiantarse no marcador. Na reanudación, David Quintá fixo o 1-0 para os de Óscar Méndez. Pouco durou a alegría, xa que un Taboada moi serio nas transicións remontou cun doblete de Moski. De aí ao final, os locais tentárono. Incluso cun balón á madeira. Os de Manu defenderon a súa renda e os puntos viaxaron a Taboada.

*Chantada-Outeiro de Rei (2-1): Non defraudou o gran aperitivo da Feira do Viño. Sufrida e traballada vitoria dun Chantada debilitado polas baixas na parcela central. O Outeiro desplegou un gran fútbol no Sangoñedo pero a pegada dos da Vila do Asma decidiu na segunda metade. Diego Arias, nun rexeite e Javi Ramos, nunha vaselina; puxeron o 2-0 no marcador. Os de Josito Jul non se foron do encontro. Recurtaron diferenzas e mesmo tiveron algunha oportunidade máis para empatar. Non foi así. A mellor noticia, a volta á portería do Mago no cuarto de hora final.

*Pol-Riotorto (1-2): O Pol cedeu terreo na súa loita polo ascenso. No regreso de Ferreirós ao Manuel Luna, o cadro de Ramallal viviu un idilio co balón parado na primeira metade. Marcou nun par de saques dende o curruncho e viu como Iván González perdonaba un penalti. Soamente Carlitos, ao aproveitar un erro infantil, empañou a gran primeira metade visitante. No segundo tempo, o dominio correspondeu ao Pol, que buscou o empate de tódolos xeitos posibles. A pelota non quixo entrar. De feito, en dúas ocasións o Riotorto salvou o empate sobre a mesma liña de gol.

Palabra de… Melendo: «Os invisibles do fútbol»

Antes de nada, quero agradecer a Futbolinlugo, a oportunidade de compartir unhas verbas con todos vós. E espero que despois desta reflexión/memoria da miña vida futbolística (concretamente, dunha etapa bonita e difícil), sirva para recordarnos de todos aqueles que nos axudaron na nosa formación futbolística… Chamarémoslles ‘Os invisibles do fútbol’.

Primeiro gustaríame poñervos en contexto: Era un porteiro que xogaba no equipo da súa vila (na SD Monterroso) co seu grupo de amigos de 14 e 15 anos (categoría cadete) e adestrados por dous pais de dous xogadores, de dous amigos nosos, que conseguen gañar a Liga e a Copa Deputación. Como porterios non hai moitos, e cada vez parece que hai menos (sobretodo nas ‘aldeas’), recibo a chamada do CD Lugo. Despois dunha pequena reunión cos responsables daquelas, que queren formarme como porteiro, acepto o reto de cambiar o xogar cos meu amigos, a xogar nun clube de categoría semiprofesional (daquelas o equipo sénior estaba en 3º División).

E é aquí onde entran en escena, aqueles que lles imos chamar ‘Os invisibles do fútbol’. Con 16 anos, tiña que percorrer cada día 40kms ida e 40kms volta, e evidentemente non tiña carnet de conducir… Como lograba isto? Pois resulta que era o meu avó (o meu 2º pai polas circunstancias persoais) quen era o que me levaba e traía tódalas veces que fixera falta. Na pretempada, adestrábamos entre 4 e 5 días, sen contar o partido amigable que tocase, e durante a tempada eran 4 días máis o partido.

Melendo, defendendo a portería do Lemos. MELANIE DE LA FUENTE

Aquí fago unha pequena paréntese, xa que pensando na miña situación, rapaz estudando 1º de Bacherelato, 4 días á semana mais o partido (que ás veces era Madrid, Valladolid, Santander…) Recordo un día que xogamos en Salamanca e chegamos ás 4 da maña a Lugo e ao día seguinte había instituto e as 8 había que estar en pé. Non se podía faltar adestrar por o ‘teño que estudar’… E aínda así conseguía aprobar as asignaturas con ‘nota’. No meu beneficio, daquelas non había nin Instagram, nin Facebook, nin WhatsApp… E acórdome que ata me daba tempo de estar cos meus amigos tamén… O tempo aproveitábase máis e mellor.

Retomando a situación, era meu avó quen cada día collía o coche e facía 1000 kms semanais para levarme adestrar a Lugo e volver. E que probablemente desfrutaba él máis ca min. Xa fose véndome adestrar ou falando con outros ‘invisibles’ que facían o mesmo ca él,etc.

Sempre estaba aí para levarme a onde fose. Acórdome unha vez, un luns de xaneiro creo. Eu tiña instituto pola tarde, e no intercambio de clase vexo no teléfono que teño unha chamada perdida de Juan Peón… Chamoo nese mesmo momento e coméntame se podo ir adestrar ese mismo día cos de Terceira División. Eu sen pensar moito dígolle que si, pero que probablemente chegase tarde. Foi tocar o timbre de saída, e xa me vedes correndo ata o Bar García, comentarlle a meu avó o que me pasara, deixar a partida de dominó sen rematar, levarme á casa para coller a roupa e arrincar para Lugo sen tempo a nada máis. Todo por verme desfrutar do fútbol, que o fin e o cabo ‘só é un xogo’.

Con todo isto, espero que vos axude a reflexionar, a pensar en todas aquelas persoas que só vós coñecedes, que tanto vos axudaron e sacrificaron para poder desfrutar deste gran deporte. Que son as que verdaderamente fan que o fútbol siga medrando e hoxe estén as cousas como están. Moito mellor que hai 15 anos cando eu empecei a xogar no equipo dos meus amigos.

Espero que con esta ‘entrevista’ lle deamos sentido a todo o esforzo que fai a xente que non se ve, e a seguir mellorando o fútbol, o noso deporte, o noso modo de vida. Saúdos e moitas Grazas

Jesús Melendo López. Adestrador do Antas. Porteiro de referencia

Pura casta con dez e golpe sobre a mesa do líder

A Xornada 24 deixounos os seguintes resumos, cos seus correspondentes Máxicos:

*Lourenzá-Guntín (1-1): Dúas partes diferenciadas en Santa Cruz. Mandou o Lourenzá na primeira metade e Recalde abriu o marcador cun bo gol. Tralo paso pola zona de vestiarios, o Guntín fíxose co centro do campo e firmou o empate pasada a hora de xogo. No tramo final, ambos equipos tiveron as súas oportunidades para levar os tres puntos. A falla de acerto deixou o encontro en táboas.

*Friol-Monterroso (1-1): Meritorio empate do Friol na Reigosa. O encontro estivo marcado pola expulsión do local Brais aos seis minutos de xogo. Na falta posterior ao cartón vermello, Lorenzo adiantou aos monterrosinos. A pesares da inferioridade numérica, os de Abad nunca se foron do partido. E atoparon o seu premio xa no tempo de desconto, cando conqueriron o definitivo gol da igualada.

*Santaballés-Pastoricense (3-0): Dous goles no cuarto de hora inicial foron unha vantaxe moi xugosa para o Santaballés. O Pastoricense tivo a oportunidade de meterse de novo na pelexa polos puntos na reanudación. Errou as súas oportunidades. O que non fallou foi Palomo, que sentenciou nas postrimerías nun bo servizo de Pelao. Vitoria importante para seguir soñando na Liga.

*Burela-Outeiro de Rei (0-1): Interesante duelo na Marosa, que decidiu Adrián Román cun solitario gol na primeira metade. O Outeiro de Rei creou perigo cos seus carrileiros no acto inicial. O Burela axustou no descanso e gañou en control de xogo na segunda parte con tres centrais. Iso sí, non conseguiu xerar demasiadas ocasións sobre o marco defendido por Dieguiño. Os de Josito Jul perdonaron a sentencia ao contragolpe. O mago Charly regresou a unha convocatoria do Outeiro. Non tivo minutos.

*Xove Lago-Folgueiro (4-2): Derbi cheo de argumentos con recordatorio para os lesionados locais. Aurelio fixo das súas durante todo o encontro. E nel naceu o 0-1 ao pouco do pitido inicial. O Xove Lago foi madurando o encontro e remontou antes do descanso. Na segunda metade, a expulsión de Miguel facilitou a tarefa dos verdes. E os de Bruno Gómez sentenciaron con dous goles de Samu. Aínda así, houbo tempo para que Aurelio galifara unha xornada máis.
*Castro-Chantada Atlético (1-1): Partido importante na loita por evitar o descenso. O Chantada Atlético tivo máis balón nunha primeira metade na que xogou co aire a favor. Ocasións, poucas se viron. Na reanudación, os visitantes chegaron con perigo polas bandas ante un rival que apenas se prodigou en ataque. Nos vinte minutos finais apareceron os goles. Fede adiantou aos de Fran García. Pouco durou a alegría. Lois, un ex do Chantada Atlético, marcaba á saída dun córner e establecía o empate definitivo.

*Riotorto-San Roque (3-0): Plácido triunfo do Riotorto labrado nunha excepcional primeira metade na que os visitantes nunca se atoparon cómodos. Coedo abriu a lata nada máis comezar e Fran Pastor aumentou as diferenzas no ecuador do primeiro tempo. Mellorou o San Roque no segundo acto. Pero foi insuficiente. E Lourido puxo a puntilla para un conxunto de Ramallal que ten moi claro ao que xoga.

*Chantada-Atlético Escairón (2-3): Non defraudou o duelo de aspirantes no Sangoñedo. Alternativas e ocasións nunha primeira metade sen goles. Quedaron todos para a volta de vestiarios. Rubén Díaz adiantou ao Atlético Escairón nunha controvertida falta ao borde da área. Iván González puxo terra de por medio ante un Chantada que nunca se rendeu. E que, con dous goles de Diego Arias, chegou vivo ao tempo de desconto. Iso sí, os puntos fuxiron para a saca do líder.

*Taboada-Pol (0-2): Ninguén dixo que fose a ser fácil. E menos nun campo como A Medela. O Pol tivo que agardar aos vinte minutos finais para superar a un Taboada que vendeu moi cara a derrota. Os de Manu competiron de ti a ti durante a primeira metade e tiveron o seu momento no segundo tempo. No entanto, un gol de Nico Madero nun rexeitamento dun saque dende o curruncho, e outro de Iván González nun pase da morte; déronlle os tres puntos aos de Fernando Corredoira.

Palabra de… Ruchi: «O respecto e a promoción en zonas de difícil acceso»

Aproveitando esta gran oportunidade de poder escribir este artigo, quería falar e dar a miña opinión principalmente sobre dous temas.

O  primeiro do que me gustaría falar é da gran importancia que teñen os clubes que se encargan de promover o fútbol en zonas nas que o acceso a este deporte é máis difícil para os nenos e nenas. Estes equipos fan unha gran labor na nosa zona, xa que sen eles moitos xogadores/as non terían a posibilidade de poder disfrutar do fútbol.

Eu falo desde a miña propia experiencia, xa que se non fora grazas á SD Becerreá; o máis seguro e que non tivera a sorte de poder xogar a este marabilloso deporte, e igual que eu todos os nenos da zona de Becerreá, Baralla, Navia, Cervantes, etc. 

Por eso, quería adicar unha parte do artigo a agradecerlles a estes clubes o gran esforzo que fan e para que saiban o importantes que son para os nenos que nos encontramos nesta situación. 

Ruchi, un capitán con maiúsculas en Becerreá

Agora vamos polo segundo tema do que me gustaría falar: A importancia do respecto nos campos de fútbol. Levo disfrutando bastantes anos como xogador e dende o ano pasado tamén como adestrador. E cada vez que vou a un partido de fútbol, da igual a categoría que sexa, hai algo que me fai disfrutar un pouco menos, sempre están esos desagradables comentarios, insultos, desprezos… Por parte de afeccionados  xogadores, adestradores, árbitros, pais, nais… É unha pena que esto sexa así, pois un partido de fútbol debería ser un momento onde toda a xente disfrutara do xogo. E non é así por estas situacións. 

Tamén teño que dicir que dende que empecei a xogar ata o día de hoxe este tema mellorou un pouco, pero non o suficiente. Con esto quero comentar que todas as persoas vinculadas a este mundo deberíamos de facer o posible para reducir estas situacións ó mínimo.

Temos aínda moito traballo por diante para que isto non ocurra. Creo que o máis importante é que os nenos e nenas que empezan a vincularse a este deporte teñan un bo exemplo por parte dos que estamos día a día nos campos. Para así contribuir a crear ese ambiente de respecto para o futuro do fútbol.

Rubén López García ‘Ruchi’. Xogador do Somozas, adestrador do Becerreá. Corazón da Montaña

Os penaltis, claves no acceso a semifinais

Os Máxicos dos cuartos de final de Copa xa están aquí á espera do encontro entre Atlético Escairón e Residencia. O cal se disputará o próximo 19 de marzo e decidirá o último semifinalista.

*Santaballés-Sarriana (0-3): O cadro de Juan Peón avanza de rolda despois de castigar en exceso a un Santaballés que plantou cara durante 80 minutos. Omar abriu a lata na reanudación despois dunha primeira metade sen apenas ocasións. Aos de Dani Moirón non lles quedou máis que arriscar e a Sarriana aproveitou os espazos. Os visitantes mataron o encontro con dous goles no tramo final e seguen adiante na Copa.

*Chantada Atlético-Taboada (0-0): Anxo Sampayo, xuvenil de primeiro ano, é o gran culpable do pase do Chantada Atlético á seguinte rolda. Os locais tiveron máis balón ante un serio Taboada que buscou a contra e reclamou ata tres posibles penaltis. Ambos conxuntos tiveron a súa opción de levar o partido na segunda metade. Fallou a puntería e todo se decidiu na lotaría dos once metros, onde Anxo Sampayo tivo moitos máis boletos gañadores que os demais.

*Chantada-Ribadeo (1-1): O Ribadeo levouse o gato á auga nos lanzamentos dende os once metros. Adiantouse o Chantada en medio da igualdade reinante, ao culminar Javi Ramos unha boa acción colectiva. A partires de aí, os mariñáns asumiron a iniciativa ante un rival ben posicionado. Os de Rafa Casanova non foron quen de romper a orde defensiva local ata o tramo final, cando Aitor empatou o choque de novo.

Ademais, neste domingo de Entroido disputouse un encontro aprazado da competición doméstica:

*Folgueiro-Monterroso (4-3): Emoción e goles en Boa Vista cun Folgueiro que segue moi forte na casa. Aos vinte minutos, Aurelio xa marcara dous goles. O Monterroso non se foi do partido e igualou tras o descanso. Un erro defensivo e un penalti terminaron de encarrilar o encontro a favor dos de Jandri Rego. Diego Fente maquillou o resultado co derradeiro 4-3. Aurelio brillou no Folgueiro e Diego Fente no Monterroso.

Palabra de… Koeman: «O fútbol, fábrica de amizades»

Antes de comezar quería darlle as grazas aos rapaces de Futbolinlugo pola oportunidade que me deron de compartir unhas verbas nesta gran páxina dedicada ao fútbol máis modesto. Despois de moitos anos xogando no fútbol rexional e xa case ás portas de rematar esta viaxe marabillosa, quero transmitirvos o que significou na miña vida este deporte. Facendo especial fincapé nunha das mellores cousas que me deixou: os AMIGOS; e si, no que a min respecta podo confirmar que o fútbol me deixou os mellores amigos, os cales aínda conservo na miña vida fóra del.

Ao longo destes anos este deporte permitiume levar moitas alegrías en forma de ascensos, pero tamén algunha que outra decepción, sobre todo nos momentos de descenso… Sen embargo, iso non importa cando te sentes querido alá onde vas, e eu podo dicir que tiven moita sorte en calquera dos clubs nos que xoguei. Quizais tamén me axude ser dese tipo de persoas que se adapta ao grupo con facilidade e que se anima a calquera actividade tamén fóra do terreo de xogo (viaxes, ceas, etc..)

Coma calquera rapaz nado nos anos 80 comecei a dar patadas a un balón na rúa, berrando aquilo de “Cocheee” cada pouco tempo para apartar do medio. Sen darte conta, nesa época, cando aínda es un cativo, o fútbol comeza a darche esas primeiras amizades e probablemente as que serán para toda a vida. Un comeza na rúa e acaba, normalmente, no club local do pobo, pasando iso si por xogar os torneos de verán de fútbol sala cos rapaces do pobo e con aqueles ‘extra-comunitarios’ que viñan de Bilbao e Barcelona cos que sigo mantendo relación hoxe en día e recordando vellos tempos.

Esta foi a miña orixe no fútbol, ca cal se identificarán unha chea de xogadores. Pouco despois desas primeiras patadas ao esférico, comecei no fútbol base do meu querido Palas, onde pasei por todas e cada unha das súas categorías, pero non foi ata o 2005 cando eu cheguei aos séniors e acadamos o ascenso. Seguramente nese momento non foramos os mellores se falamos a nivel de xogo, pero si o mellor grupo, mesturando xuventude e veteranía, sendo, seguramente, un dos anos nos que máis aprendín.

Pasei case toda unha vida no equipo do meu pobo pero aos 26 anos decidín saír a vivir unha nova experiencia, da que saco unha valoración moi positiva, pois o meu abano de amigos volveuse máis grande cunha mesma causa en común: o fútbol. 

En Melide as cousas non foron fáciles, descendimos o primeiro ano e tivemos que coller impulso para ascender ao ano seguinte e conseguímolo, como? Grazas ao esforzo do pedazo de grupo que se xuntou e que formaba o equipo.

Tras un par de anos xogando por terras melidenses, voltei a casa para gañar unha Copa Deputación. Da que podo dicir que éramos merecedores pola ilusión e as ganas que 11 valentes séniors, ou amigos que diso trata este texto, co apoio dos xuvenís; puxeron para voltar coa copa nas mans. A pesar do mal ano que pasara o club en canto a resultados.

Un título moi especial para todos, sobre todo para min, por poderllo adicar ao meu pai, falecido uns meses antes. Permitídeme aquí facer un a parte sobre o meu ‘vello’ que nos paseou pobo por pobo na súa ‘Furgo’, cantas aventuras!, para poder facer o que máis nos gustaba, e que chegou a perder domingos de monte para botar sempre unha man nos Chacotes.

Nesta última etapa e xa indo ‘maior’, tócame desfrutar na vila veciña, Antas, onde de novo me volveron revivir as ganas de fútbol e onde, como sempre, me recibiron cos brazos abertos e con grandes esperanzas para cumprir os obxectivos marcados para este ano. Son xa 22 anos danzando polos campos de fútbol de Lugo. 22 anos que se din pronto, nos que non só deixo amigos nos clubs nos que tiven a oportunidade de xogar, senón que me levo a ‘grandes colegas’ en xogadores, directivos e incluso afeccionados rivais.

Para rematar, gustaríame facer unha última reflexión, vendo aos rapaces de hoxe en día só podo dicir humildemente, que deberían xogar máis na rúa e menos coas ‘maquinitas’. Un saúdo e moitas grazas.

Koeman. O mito de Palas, a maxia do Antas.

O Folgueiro incendia unha zona alta na que o Chantada se consolida

A Xornada 23 deixou os seguintes resumos e Máxicos nesta emocionante Primeira Galicia

*Monterroso-Castro (1-0): Encontro pouco vistoso, entre dous equipos que se mostraron un tanto espesos e ata pouco intensos por momentos. Un gol postreiro de Lorenzo, nun barullo, deixou os tres puntos en Cerdeiriños. Triunfo importante para un Monterroso que xogou máis dunha hora en inferioridade numérica pola expulsión de Gontá. O cadro de Óscar Méndez xogará esta semana o seu choque adiado contra o Folgueiro.

*Guntín-Riotorto (0-1): Traballado triunfo dun Riotorto que firmou unha gran primeira metade. O gol de Alberte, pasada a media hora de xogo, convertiuse na xogada máis polémica do partido. Un tanto que o colexiado deu por válido despois de ser advertido polo seu linier ante protestas de xogadores e afeccionados. Na reanudación o Guntín, lonxe da súa mellor versión, mellorou algo. Pero de xeito insuficiente e a vitoria marchou cara A Mariña.

*Atlético Escairón-Chantada Atlético (3-0): O líder sigue ao seu. Novo triunfo dos homes de Montoto ante un Chantada Atlético que deu máis guerra do que reflicte o marcador final. O Atlético Escairón adiantouse na primeira metade nunha boa xogada culminada por Julito. E sentenciou ao seu rival tralo descanso, mostrándose letal nas transicións defensa-ataque e impecable en defensa. Os de Fran García tiveron as súas oportunidades e xeraron perigo co balón parado, pero a pelotiña non quixo entrar.

*San Roque-Taboada (1-1): Empate nun disputado choque na Polvoreira. O Taboada adiantouse de penalti nunha primeira metade na que os capitalinos tiveron ocasións suficientes como para conquerir algún gol. Os de Manolo García mostráronse superiores ao inicio da reanudación e empataron a contenda cun tanto de Núñez. Uns minutos despois, Luis Alberto viu o cartón vermello e deixou aos verdibrancos en inferioridade. A pesares desta circunstancia, mantívose a igualdade. Iso sí, o marcador non se moveu máis.

*Pol-Friol (1-0): O Pol alcanzou ao Santaballés grazas a un agónico triunfo ante o Friol. O solitario gol de Rubeis, nun erro defensivo visitante, decidiu no Manuel Luna. Os de Fernando Corredoira asumiron a iniciativa na primeira metade e dispuxeron de ocasións para firmar algún tanto máis. No entanto, os nervos xogáronlle unha mala pasada na segunda metade. O feito de non ter sentenciado o encontro e a competitividade dos de Abad, propiciaron a incertidume ata o pitido final.

*Pastoricense-Lourenzá (1-1): Un punto por barba nun encontro de necesidades. O Lourenzá tivo máis balón nunha primeira metade con escasas ocasións. Mellorou a súa imaxe o Pastoricense tralo descanso, pero Luis Santamarina adiantaba aos laurentinos ao comezo da segunda metade. O gol sentoulle ben aos de Fran Veiga, que buscaron portería con insistencia. Igualaron nun rexeite dun saque dende o curruncho e contaron con oportunidades claras como para conquerir algún tanto máis. Tamén hai que dicir, que os visitantes tiveron as súas. Faltou puntería no Acebreiro.

*Folgueiro-Santaballés (3-2): Boavista foi un pesadelo para o Santaballés. Nunha primeira metade de fútbol directo e escasas ocasións, primou o balón parado. E un home por enriba de todos: Oki. El marcou o primeiro de penalti e o 2-0 nun soberbio lanzamento de falta. Polos visitantes, un discutido gol anulado por fóra de xogo e perigo a pelota detida. Soto recurtou diferenzas tralo paso polos vestiarios. Pero os locais encarrilaron o choque nun saque dende o curruncho. Na prolongación, Martín fixo o 3-2 nun libre indirecto.

*Outeiro de Rei-Xove Lago (2-0): Un encomiable Xove Lago cedeu no complicado Municipal de Outeiro sobre a bucina. Os goles de Edrosa e Jorge Pereira no desconto déronlle tres puntos máis que traballados aos de Josito Jul. O cadro local dominou a posesión pero non foi todo o profundo que lle gustaría. En parte, grazas ao soberbio exercicio defensivo dos mariñáns. Un cadro plagado de baixas e no que saíron dous xuvenís e un cadete de inicio. Juanjo Coello rematou no hospital cun golpe nas costelas. Xa se atopa na casa recuperándose do golpe.

*Chantada-Burela (3-2): Señoras e señores, o Chantada rematou de pechar a súa candidatura oficial ao ascenso. Superou ao Burela pola mínima nun duelo trepidante. Os de Juan Rodríguez adiantáronse nunha gran posta en escena. Jairo Campo empatou de penalti no ecuador da primeira metade. Pero dous goles ao borde do descanso, puxeron o 3-1 ao remate da primeira metade. Na reanudación, o Burela meteuse de cheo no partido cun soberbio tanto de Jairo López. E buscou a igualada, sen sorte, na media hora final, ante un cadro local que non pasou grandes apuros. O peor do encontro, a lesión muscular do mariñán Cris.

Palabra de… Javi Castro: «Lazos irrompibles sen sangue»

Javi Castro, na súa etapa no San Lázaro

Boas a todos! O primeiro que me gustaría facer antes de nada, é agradecer a oportunidade que se me brinda para expresarme nesta web que tanto fai polo noso querido fútbol da provincia. Sen dúbida merecen seguir moito tempo facendo este impagable labor. En particular tamén agradecer a Diego por contactar comigo para plantexarme a idea.

Como moitos de vós, o primeiro que se me veu a cabeza foron dúas cousas. Por que eu? E que contido podo ofrecer nestas liñas?  Ollo! A simple vista parecen dúas preguntas sinxelas, pero quizais foi mais fácil a primeira que a segunda. Esta última levoume varios días barruntado na cabeza. Quería facer algo que non fora escribir por escribir, así que despois de moito pensar creo que toca falar desa outra familia, da que dicimos que é a familia que se escolle.

No meu caso futbolísticamente crieime na canteira da ADC Sagrado Corazón, onde entrei en categoría benxamín. Alí co paso dos anos e das categorías vas facendo amizade cos teus compañeiros de vestiario e pouco a pouco con algúns deles comezas a quedar polas tardes nas pandillas para dar una volta ou naqueles tempos ir polos recreativos…

Quizais onde mais comecei a considerar a estes amigos xa familia, xa parte da miña vida, foi nos anos do sénior. Onde nos xuntamos unha morea de mozos da canteira do clube que xa nos coñeciamos, o día a día dos adestramentos e logo un grupo humano moi bo fixo o resto. Xa non só quedábamos entre semana para adestrar, quedábamos para cenar na casa dalgún entre semana, saiamos os findes de festa, viaxes e un largo etc de cousas. 

Creo que no deportivo esa unión de vestiario e esa amizade tamén traduciuse en bos resultados para equipo, quizais os dous mellores que tiven deportivamente no meu caso. E aínda que despois duns anos os nosos camiños separaranse sempre seguiámonos apoiándonos e acudindo os partidos dos outros sempre que os nosos nolo permitían. Volvémonos a xuntar no SDC San Lázaro onde algún novo incorporouse á familia e volvemos a desfrutar de bos anos de fútbol. Algúns aínda están por alí, e nada me alegraría máis que finalmente consigan este ano o ascenso a Primeira, polo que curran e traballan todos os do equipo, meréceno sen dúbida.

Un ascenso co Sagrado Corazón

Agora con máis anos e moitas aventuras entre nós nas nosas costas, creo que non está demais para aproveitar e agradecerlles que sexan parte da miña vida. Que sexan verdadeiros amigos, de eses que te ven ao chegar a un adestramento ou a tomar unha caña, e xa te notan na cara se vai ben ou mal a cousa. Ou que nalgún momento mándanche o whatsapp de turno cun “se necesitas algo xa sabes onde metes”. Encántame o fútbol, quen me coñece sabe que o vivo moitísimo mais como xogador que como adestrador, pero sempre intenso.

Axudoume a completar a miña formación e adquirín valores practicándoo. Pero sinceramente, creo que nunca poderei devolverlle a este deporte o que me regalou: a outra familia, a que non é de sangue, a que se escolle, e que sempre esta o meu lado, nos bós e nos malos momentos. Vós xa sabedes quenes sodes, non teño que dar nomes, pero considerade este un pequeno detalle por ser un afortunado de tervos o meu lado na miña vida. Xa para concluír reitero o agradecemento a Futbolinlugo por permitirme estas humildes liñas.

Javier Castro Corredoira. Todoterreo da Comercial, amigo dos seus amigos

Pistoletazo de saída para o I Ránking Futbolinlugo

Nova loucura que sae adiante para Futbolinlugo. Esta vez en colaboración con Lucus Padel. O I Ránking Futbolinlugo xa é unha realidade. O próximo luns dará comezo esta edición inaugural, con doce equipos en liza. Asociacións tan fermosas coma diferentes en equipos de 2-3 xogadores. Todos quixeron formar parte, dende os colexiados do noso fútbol (cun histórico e xa retirado incluido) ata adestradores e xogadores.

O nome dos diversos conxuntos corresponde ao nexo de unión entre os seus compoñentes. Ese lugar ou club onde se forxou esa amizade que os marcou. Polo tanto, non é unha representación oficial e actual desa institución.

Isto é o máis bonito desta iniciativa. Por iso temos o toque nostálxico en varios equipos. Coma o vello Polvorín, que representarán Álex González e David Díaz. Así como o Becerreá, con dous goleadores de renome na Montaña: Pablo Navia e Meko. Escoltados polo seu gran amigo Diego Sal. Caso parecido ao de Manu Miranda, que se uniu aos antigos técnicos do Castro Álex Vázquez e Brais Prados.

Noutros conxuntos, coma o do Outeiro de Rei, preocupáronse de integrar o máis rápido posible á nova fichaxe: Gonzalo Edrosa. O mediapunta da Pastoriza xogará con dous contricantes de posición como Álvaro e Dani Renda. Logo que digan que a competencia non é sa!

O formato de competición queda explicado no seguinte hipervínculo (SISTEMA DE COMPETICIÓN galego) A modo resumo, contará con tres fases. Unha inicial na que haberá dous grupos de seis equipos. Xogarán a doble volta. Os tres primeiros clasificados de cada grupo accederán por un lado á seguinte fase. E os tres últimos, polo outro. Unha rolda a unha única volta. Chegando todos a xuño, ao fin de festa que se resolverá nun intenso play off.

Aquí podedes ollar como quedou encadrada toda a primeira fase. Empeza o espectáculo nas Gándaras!

’90 minuti’ na Liga son molto longo

Non perdas os resumos dunha nova data na Primeira Galicia! Os Máxicos da xornada 22 son os seguintes:

*Castro-Pol (1-1): Un intenso Castro cheo de oficio estivo a piques de dar a campanada da xornada. Os de Marcos Veiga contiveron as acometidas dun Pol precipitado por momentos en ataque. E mesmo xeraron perigo coas segundas xogadas, que moitas veces perderon os de Fernando Corredoira. Os goles chegaron no tramo final. Yelko adiantou aos locais nunha contra formada nun saque dende o curruncho visitante. Rasilla salvou un punto para un Pol que tivo máis ocasións que o seu rival.

*Riotorto-Pastoricense (0-0): Duelo moi igualado, con alternativas no xogo, na Veiga. O Riotorto comezou e rematou mellor o encontro. Tentouno con dúas boas oportunidades ao inicio e con balóns colgados á área nas postrimerías. O Pastoricense tivo o seu momento tralo paso pola zona de vestiarios, cun tiro de Gandoy dende a frontal e o seu xa temido balón parado.

*Burela-Atlético Escairón (1-3): Disputado encontro na Marosa marcado polo vento e o balón parado. Así chegou o principal perigo dos visitantes na primeira metade, que se adiantaron no rexeite dun penalti. O Burela reclamou unha controvertida pena máxima, xa que existiron dúbidas entre o equipo arbitral en sinalar ou non os once metros. Finalmente decretouse falta fóra da área. Na reanudación, mantívose a tónica existente. E os de Montoto sentenciaron aos mariñáns, que marcaron o seu gol de falta.

*Chantada Atlético-Monterroso (2-3): Sensación de malestar a que lle quedou ao Chantada Atlético despois do derbi. Especialmente coa actuación arbitral. Os locais non conseguiron igualar a intensidade do Monterroso nunha primeira metade de claro dominio visitante. Reaccionaron os de Fran García e creceron cun penalti transformado por Adri. Chegaron a empatar pero a expulsión do propio Adri deixounos en inferioridade. Aínda así, arriscaron en busca dun maior premio. O que o atopou foi o equipo de Óscar Méndez, ao materializar David Quintá unha contra.

*Friol-San Roque (1-1): Moito en xogo na Reigosa. A igualdade foi a tónica dominante dun encontro no que os goles chegaron na primeira metade. Luis Alberto adiantou de falta directa aos capitalinos. Cinco minutos despois, Rafa Casanova respondeu coa mesma moeda. Houbo varias accións polémicas nas dúas áreas e pouco perigo na segunda metade. Esteban, Bustos e Núñez buscaron un premio maior para o San Roque nos últimos minutos. O marcador non se moveu máis.


*Folgueiro-Lourenzá (4-4): Espectacular derbi plagado de goles en Boavista. Aos seis minutos, o Lourenzá xa vencía por 0-2. E foise 1-4 ao descanso nunha primeira metade na que foi superior. Con doblete de Montxo incluido. Na reanudación, dous penaltis transformados por Oki puxeron o 3-4. Co tempo xa cumplido, o propio Oki aproveitou un rexeite para rescatar un empate cun auténtico golazo. E asinar o seu hat trick particular.

*Taboada-Guntín (2-1): Traballada remontada dun Taboada que dispuxo de moitas ocasións pero ao que lle custou facer entrar a pelota. O Guntín loitou ata o pitido final un partido no que empezou mandando, grazas a un gol de Iván a dez minutos do descanso. Os de Martín Rodríguez viron como lles anulaban dous goles e expulsaban a dous xogadores nunha segunda metade na que os de Manu Rodríguez fixeron os seus tantos. Os autores, dous clásicos: Poyán e David Potente.

*Xove Lago-Chantada (0-1): O vento fixo sufrir en exceso aos dous equipos e privou dun mellor espectáculo aos asistentes ao Municipal. Co aire en contra, o Chantada firmou o único gol do encontro na primeira metade. Obra de Diego Arias. Tralo paso pola zona de vestiarios, rexistráronse poucos remates perigosos. Diego Arias e Xende perdonaron o segundo dos visitantes. Aínda así, os de Juan Rodríguez confirmaron así tres puntos para seguir soñando.

*Santaballés-Outeiro de Rei (2-1): A última xogada do encontro deulle unha vitoria trascendental ao Santaballés na pelexa polo ascenso. Unha remontada exprés no último cuarto de hora para deixar ao Pol a tres puntos de distancia. O Outeiro controlou a primeira metade e adiantouse cun gol de Edrosa nun erro defensivo local. Os de Josito Jul perdonaron a sentencia ante un Santaballés que cambiou o debuxo. Os de Dani Moirón creceron co paso dos minutos e déronlle a volta ao marcador en dúas accións a balón parado, a última delas sobre a bucina.

Palabra de… Andrés Rodríguez: «O tempo pasa… pero non para todo»

Non é a primeira vez que me convocan os cracks de Futbolinlugo para escribir unas verbas sobre o fútbol lucense, ou se cadra, sobre as miñas experiencias persoais ao longo dos anos.

Fai pouco máis de 2 anos xuntei letras neste artigo para contar os meus últimos días como xogador e como se producir a miña conversión cara a outra parte, a de adestrador. Tras formarme na Escola Galega de Adestradores (na que aínda manteño certa vinculación, posto que nunca hai que deixar de adquirir novos coñecementos), comecei no San Lázaro, e agora cambiei de rumbo totalmente, formando parte do fútbol base lucense.

Andrés, na súa etapa con Merino no San Lázaro. ÁNGEL MERINO

Dende que fun nomeado seleccionador de alevíns, adiquei os últimos 4-5 meses a viaxar entre Lugo, Terra Chá e a Mariña, para ver a evolución dos nenos e coñecer de primeira man aqueles que destacan un chisco máis que o resto.

Mais este artigo non trata sobre isto explícitamente, senón que desexo enfocalo hacia certos comportamentos que pensaba que estaban xa desaparecidos, pero non é así. Se ben é certo que por norma xeral o nivel dos adestradores cambiou una barbaridade para ben, encontrando persoas cun alto nivel de experiencia e coñecemento á hora de ensinarlles aos rapaces e tratalos nun terreo de xogo, non estou a atopar esto fóra do tapete.

Xa cando eu era pequeno e xogaba naquel campo de area que era a antiga Polvoreira un podía darse conta de que fóra do campo ás veces as cousas non estaban a ir de todo ben, porque escoitábanse comentarios estilo “veña, dalle duro” nunha disputa de balón ou “que fas?” cando un xogador fallaba un pase ou un tiro a portería. Cos anos ves a realidade e pensas que esas cousas deberían cambiar cos anos, pero parece que non de todo.

Non foi nin a primeira nin a segunda vez que observo partidos pola provincia e, pegado ás barras metálicas da grada ou sentado nelas, sigo escoitando comentarios dos pais ou outras persoas adultas que están nos campos totalmente afastados do feito de animar aos rapaces a que se esforcen. Por non falar que en moitas ocasións directamente varios grupos de pais colócanse xusto detrás de cada portería e comezan a berrar, distraendo aos xogadores da súa tarefa principal nese momento, que é xogar (sobre isto poderia citar un par de sitios, pero creo que non merece a pena facelo).

A Polvoreira. Formación en terra e barro

Comprendo que neste sentido os clubes non poden facer gran cousa, porque evidentemente non se lle pode negar o acceso a un recinto deportivo a ninguén por este motivo (algo que por suposto comparto). E ata certo punto tamén logro entender a moitos pais cuxa intención simplemente é axudar ao pequeno, sen darse conta que realmente o están a prexudicar por quitarlle atención ao que acontece no terreo de xogo.

Rogaría como futuro pai e afeccionado dende sempre que houbese un consenso entre equipos e pais para polo menos intentar limitar estas actitudes, porque realmente os nenos e nenas o que deben facer na hora e media máxima que están en mans dos adestradores é atender ao fútbol, para aprender e ser mellores xogadores.

Andrés Rodríguez Vázquez. Seleccionador lucense de fútbol-8. Xenio e figura

O partido da xornada… Residencia-Foz: o debutante Chinchón soña con salvar aos mariñáns

A Cheda será o escenario dun novo derbi provincial na Preferente Galicia Norte. A Residencia recibe este domingo a un Foz con novidades (16.30 horas). Xa que os mariñáns ademais de estrear o posto de pechacancelas, comparecen en tan impoñente feudo co seu novo adestrador. Jesús María Gayol dixo adeus para deixar paso a un vello coñecido do vestiario focego. Javi Chinchón, preparador dos xuvenís e ata o ano pasado compañeiro dos seus xogadores, ponse ao mando dun conxunto que cree e confía na permanencia.

Javi Chinchón, xogando un derbi o ano pasado

O seu primeiro escollo será unha Residencia, consciente das súas limitacións. E consciente de que a clave para a salvación está en sumar de tres en tres na Cheda. Os de Álvaro Meilán mostraron un crecemento nas últimas xornadas a pesares das baixas. Ausencias que parecen empezar a decrecer, xa que varios homes importantes volveron ao verde en pasadas datas.

Se nos atemos aos números, existe un claro favorito. O conxunto branquiazul firmou un inicio de 2020 espectacular, con 7 puntos de 9 posibles. Se ben, acumula dúas derrotas consecutivas. Unha cifra pequena en comparación coa do seu rival. Un Foz que non puntúa dende o pasado 1 de decembro en Boimorto. E que non gaña dende o 27 de outubro, cando superou por 2-0 ao Galicia Mugardos no histórico Martínez Otero.

O derradeiro encontro entre estes dous clásicos do fútbol provincial saldouse cun empate a 0-0 na vila mariñá, na cuarta xornada da actual campaña. Pero xa se sabe, os números non xogan. E veremos se pesa máis a necesidade de cortar de raíz a mala xeira local ou a ilusión dun xuvenil que presenta o novo técnico visitante. Polo de pronto, e para abrir boca para o domingo, conversamos con ambos adestradores sobre o derbi da semana.

 

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Parte das opcións de permanencia da Residencia pasarán pola Cheda

ÁLVARO MEILÁN (RESIDENCIA)

  • As claves do derbi. «O equipo sabe que todos os partidos son difíciles e este non vai ser menos. Sabemos que para eles é moi importante. Co cambio de adestrador van querer cambiar a dinámica de resultados, pero o que máis me preocupa somos nós. E vexo que o equipo esta con moitas ganas».
  • O Foz. «Eles van vir moi motivados, teñen boas individualidades na parte ofensiva, que temos que ter controlados. Xogadores con talento e perigosos así como outros que lles aportan veteranía. Tiveron baixas importantes, que están recuperando. Pero nós temos que pensar en nós mesmos, xogamos na casa e temos que facernos fortes no noso campo!».
  • A permanencia. «As opcións pasan por gañar partidos e sumar puntos. Nós non nos plantexamos máis aló do partido de Foz. É unha liga onde é moi difícil gañar. Todos os rivais se están xogando algo, por arriba ou por abaixo. Co que temos que afrontar todos os partidos ao máximo para poder chegar aos puntos necesarios para lograr o obxectivo».

JAVI CHINCHÓN (FOZ)

  • Semana complicada. «O momento non é o idóneo. Chegamos despois de dúas derrotas na casa e un cambio de adestrador. Pero o cadro de xogadores está con ganas de darlle a volta á situación. Imos coa intención de facer un bo partido e tratar de empezar a sumar puntos».
  • O rival. «A dicir verdade o que máis me preocupa é o meu equipo. Temos que deixar de encaixar tantos goles para empezar a sumar puntos. A clave do domingo estará no equipo que cometa menos erros».
  • A salvación. «A permanencia pasa por recuperar a moral do cadro de xogadores e facer do Martínez Otero un fortín».

O Outeiro recupérase e Diego Arias comprime a zona alta

A xornada 21 na Primeira deixounos os seguintes resumos, cos seus correspondentes Máxicos:

*Pol-Chantada Atlético (1-0): O resultado foi o mellor para o Pol despois dunha xornada na que queda a un só punto da zona de ascenso. A precipitación xogoulle unha mala pasada aos de Fernando Corredoira nunha primeira metade na que lle anularon dous goles. Iso unido ao gran rival que se atopou, un Chantada Atlético que competiu de ti a ti. Os de Fran García tiveron os seus momentos en medio do ida e volta no que se convertiu o choque en determinadas fases do mesmo. De tódolos xeitos, o gol de Xavi ao comezo da segunda parte resultou decisivo. Sommariva debutou no Pol ao entrar polo mancado Lucas Basualdo.

*San Roque-Castro (1-1): Igualdade máxima e xogo directo en Montirón. Todos os goles chegaron na primeira metade. Begonte adiantou ao Castro cun gol dende a frontal, que chegou a tocar no pau. Xusto antes do descanso, Sebas igualaba de novo a contenda nun rexeite dun disparo de Emilio. O segundo tempo deixou ocasións para ambos equipos. Calquera se puido levar a vitoria, pero mantivéronse as táboas no marcador.

*Guntín-Friol (2-1): A inercia positiva do Guntín permitiulle sacar adiante un partido no que quizais mereceu menos. O Friol mostrouse mellor no cómputo xeral do partido. Aínda así, cedeu ante dous contragolpes dos de Martín. A primeira metade finalizou en táboas despois de que Buján igualase o tempraneiro gol de Elías. E Ivi logrou o 2-1 a dez minutos da conclusión.

*Atlético Escairón-Monterroso (2-0): O líder atopou un rival compricadísimo no Saviñao. De feito, o Monterroso tivo o control do encontro na primeira metade. E levou perigo a balón parado. Porén un erro defensivo, propiciou o gol do local Toti. No segundo tempo, os de Montoto melloraron as súas prestacións ante un rival que se foi diluindo co paso dos minutos. Rubén Díaz firmou a sentenza definitiva cun lanzamento de falta no tramo final.

*Folgueiro-Riotorto (1-2): Choque igualado plagado de disputas e segundas xogadas. Tamén fixo acto de presenza o vento, que condicionou o encontro. Adiantouse o Riotorto nun mal despexe local. Aurelio firmaba a igualada para o Folgueiro. Cando mellor estaban os de Jandri Rego, apareceu Alberte para darlle o triunfo aos de Ramallal, que viron como o colexiado lle anulaba dous goles neste partido.

*Pastoricense-Taboada (1-1): Novo empate do Pastoricense ante un Taboada que rozou a vitoria por momentos. Pouco ritmo e moito balón parado na primeira metade. Iso sí, sen goles. Animouse a cousa na reanudación. Gabri abriu a lata para os da Medela. O gol non lle sentou ben aos de Fran Veiga, que puideron encaixar algún máis (os branquiazuis tiveron dous longueiros no partido). Co paso dos minutos, o Pastoricense repúxose. Empatou a pelota detida por mediación de Rico. E ata tivo dúas oportunidades máis para tentar arañar o triunfo.

*Outeiro de Rei-Lourenzá (3-0): Encontro sen historia no Municipal. O Outeiro de Rei rompeu a súa mala xeira ante un Lourenzá irrecoñecible e con baixas importantes. Os de Josito Jul marcháronse ao descanso cun 3-0 ao seu favor, que deixaba o triunfo a punto de caramelo. Os azulóns souperon circular a pelota ao ritmo axeitado ante un rival replegado que non tivo o seu mellor día.

*Chantada-Santaballés (2-0): Golpe sobre a mesa dun Chantada que quere seguir comendo na mesa do ascenso. Despois dunha primeira metade na que os locais levaron a iniciativa e os visitantes o ‘Uy’ á grada, os de Juan Rodríguez impuxeron a súa lei. Máis ben Diego Arias. Fixo o primeiro nun pase atrás de Xende e matou o partido cunha xenialidade. Un golazo dende máis de trinta metros que comprime a pelexa por subir de categoría.

*Burela-Xove Lago (1-1): Un soberbio Xove Lago enmudeceu por momentos A Marosa. Os de Bruno Gómez firmaron unha gran primeira metade, na que Máikel puido abrir a lata. No entanto, un erro no saque de banda propiciou o 1-0 de Felipe Varela. Repetiuse a historia tralo descanso. Só que esta vez, o gol sí caería do lado visitante. Obra de Juanjo Coello. Nos últimos minutos, o Burela tivo dúas oportunidades de levar os tres puntos. Unha delas na derradeira xogada do encontro, na que Trullo solventou a difícil papeleta.

Palabra de… Martín Real: «O perigo do individualismo colectivo»

Atopámonos nunha sociedade na que o deporte se converteu nun complemento indispensable do día a día. Xa sexa sentado na casa ou de paseo pola rúa, a práctica deportiva absórbenos e envólvenos. Camiño de tres décadas despois do me debut, continuo a darme conta de cousas que naquel intre me pasaron desapercibidas. Máis non me causa mágoa, sinto ledicia de tódolos momentos compartidos. Pois de tódolos compañeiros, adestradores e demais persoas que me rodearon puiden aprender, non só fútbol senón tamén valores para a vida.

Hoxe en día estou menos ligado ao fútbol que noutras épocas pero sigo practicando deporte asiduamente. Correr, nadar ou bici, tanto me ten; o caso é facer oco para o xantar. E dende pequeno teño esa necesidade de exercitarme para estar relaxado. Algún dirá: «un profesional frustrado»… Pero só fun un neno ilusionado que chegou a adulto desinteresado. Pode que un rapaz non chegue a ser profesional, nin a ser una estrela; tal vez pode que non chegue a vivir deste deporte… Pero practicarao con todo o seu corazón porque para el representa o máis importante que está facendo durante a súa infancia.

O valor do grupo

Pode que calquera persoa xogue un partido, unha ‘pachanga’, un neutral ou (máis modernamente) unhas partidas na Play. Pero seguirá sendo parte da súa vida e o que faga será unha experiencia que recordará e que estará presente nas súas lembranzas.

Lembranzas… A iso quería chegar. Cantas anécdotas que contar, cantas vivencias, enfrontamentos, disputas e guerras… Que ao final nos unen a outras persoas que nin sequera o eran antes de comezar. Porque o fútbol une, o deporte une, calquera actividade física ten poder de unión. Ata os tenistas acaban sendo íntimos a pesares desa rede que os separa. Sexa nun campo, pista ou cancha; dando unha volta á muralla ou na piscina, onde eu mesmo o cheguei a sentir dunha maneira moi profunda, todos acabamos facendo amigos.

Mais fronte a este compañeirismo e amizade que pode transmitir o deporte, fóiseme aparecendo nos últimos anos unha sensación de individualismo colectivo. Pode ser que xa estivese e polo propio paso dos anos me dera conta da súa presenza pero parece que un xogador é máis importante que un só equipo. Que pesa máis un nome na camiseta que o escudo no teito dun estadio e que se premia e se alaba máis o mérito dun só xogador que o traballo dun grupo que coopera para gañar e que fai un sacrificio menos visible.

Creo que o fútbol de hoxe en día vai camiño de perder esa esencia grupal. Claro que haberá xogadores máis talentosos co balón nas súas botas última xeración. Pero desde logo tamén os haberá igual de talentosos no seu rigor táctico, na súa capacidade de ler unha xogada ou no seu liderado. Ante todo non debemos perder a idea principal do xogo: 11 contra 11, a vitoria e a derrota pertence a todo o equipo. Non menosprecemos o valor do grupo, pois non naceu ningún guerreiro que derrote a todo un exército.

Martín Real. O fillo, puro fútbol dende a barreira

Volveu Edrosa en medio da guerra aberta polo ascenso

Xa están aquí os resumos e os Máxicos da xornada 19:

*Chantada Atlético-San Roque (6-1): Un erro infantil estragou unha boa primeira metade dos capitalinos no Sangoñedo. O Chantada Atlético, desdibuxado na primeira metade, desatouse no segundo acto. Unha fermosa conducción de Anxo puxo o 2-0 nada máis saír de vestiarios. A partir de aí, os erros do San Roque sucedéronse ata completarse a goleada. Adri firmou un hat trick no día do regreso dos lesionados Ivi e Mico.

*Lourenzá-Chantada (1-3): O Chantada sobrepúxose á boa posta en escea do Lourenzá. Dende a orde e o pragmatismo, os visitantes conqueriron unha vantaxe de dous goles ao descanso. Merced a un doblete de Xende. Na reanudación, os de Diego Rego deron un paso adiante. Aínda que se atoparon cunha obra de arte nunha falta de Diego Arias, para case matar o partido. No tramo final, o cadro laurentino fixo o gol da honra.

*Xove Lago-Atlético Escairón (0-1): A falta de profundidade e ocasións lastrou a un bo Xove Lago con balón. O Atlético Escairón levouse pola mínima un duelo disputado e condicionado polo vento. Un solitario gol de Iván antes do ecuador da primeira metade provocou que o líder volvese a gañar despois de dúas semanas sen facelo.

*Friol-Pastoricense (1-1): Choque de poder a poder na Reigosa. Na primeira metade, apenas se rexistraron ocasións. Iso sí, Rumbera evitou unha moi clara do Friol. Mellorou o Pastoricense tralo tempo de lecer. Os de Fran Veiga adiantáronse nunha boa acción combinativa. E pudieron aumentar a súa renda. Pero o Friol firmou o definitivo 1-1 despois dunha boa acción por banda de Santi e Rafa Casanova.

*Castro-Guntín (3-4): Festival goleador no maltreito céspede do Arturo Pereiro. Un soberbio Castro na presión adiantouse por dúas veces na primeira metade. Elías igualou de penalti xa na reanudación. Quiñones puxo por terceira vez en vantaxe aos vermellos, que chegaron co marcador a favor ata o minuto 89. Aí, o Guntín nun gran arreón final deulle a volta á tortilla e levouse os tres puntos con doblete de Oski.

Recorda, o 31 remata o prazo para inscribirse no I Ránking Futbolinlugo. Ponte en contacto connosco para calquera dúbida

*Taboada-Folgueiro (5-0): Cómodo triunfo do Taboada entre dous rivais por evitar a zona baixa. Os de Manu amosáronse letais ante un irrecoñecible Folgueiro na primeira metade. Ao descanso, os locais xa mandaban por 4-0, con doblete de Guerreiro incluido. Os mariñáns buscaron facer o primeiro tralo paso pola zona de vestiarios. E así gañar confianza. Porén, o que chegou foi o quinto e definitivo tanto do Taboada contra o remate.

*Monterroso-Pol (0-2): Completo encontro dun Pol que vai a por todas nesta segunda volta. Os de Fernando Corredoira mostráronse superiores nas diversas facetas do xogo durante a meirande parte do partido. Pola súa banda, o Monterroso apenas xerou perigo máis alá dalgún balón parado co selo de Lorenzo. Iván González marcou un gol en cada parte para un conxunto que fixo debutar unha cara nova: Xavi.

*Riotorto-Outeiro de Rei (0-0): Duelo de estilos na Veiga no día do debut do novo ‘dez’ do Outeiro: Gonzalo Edrosa. Baixo a súa batuta e a de Dani Renda, o Outeiro levou o peso do partido. Creou xogo e ocasións ante un Riotorto ben colocado e perigoso nas transicións. Os de Josito Jul desperdiciaron dúas oportunidades moi claras para levar o triunfo mentres que os locais tiveron un pau de Dani Roca.

*Santaballés-Burela (2-0): Un Santaballés lanzado superou ao Burela na Liga despois de noventa minutos moi disputados. O cadro de Dani Moirón abriu a lata nunha primeira metade pechada e na que viu como lle anulaban un gol a Dani San. No segundo acto, o Burela apretou na busca do empate. O bo exercicio defensivo local e o golazo de Óscar, cos mariñáns xa volcados; sentenciaron a un rival que deixou unha gran imaxe.

Palabra de… Josiño: «O fútbol tamén se volveu millennial»

Josiño regresou a casa. Na foto, o Pastoricense 2011-2012

Moi boas, futboleiros e futboleiras lucenses. Unha ledicia a chamada de Futbolinlugo para compartir unhas verbas convosco da miña perspectiva do fútbol en 360º coa miña experiencia como afeccionado, xogador, árbitro e adestrador de porteiros nestas case catro décadas da miña vida. 

Fai xa sete tempadas, tras unha lesión de xeonllo e por motivos laborais, que decidín colgar as botas. A chamada fai un par de xornadas dun club ao que lle gardo moito cariño, a UD Pastoricense, tróuxome de novo aos campos da provincia.

A paixón por este deporte venme do berce, xa que meu pai José Yáñez ‘Pepiño’, porteiro a finais dos anos 50, de equipos coma o CD Avenida, a AD Ferroviaria, a SG Comercial, ou a SCD Milagrosa inculcoume dende ben pequeno o bo facer dos porteiros da vella escola. Xa nesas primeiras aprendizaxes mamei o fútbol de antes, aquel que dicía que o fundamento dun bo porteiro era a colocación e amarrar ben os balóns. As botas engraxadas e ben atadas antes de saír ao campo, a camisola por dentro dos pantalóns e nada de subir as mangas daquelas elásticas que hoxe consideraríanse vintage.

Recorda, o 31 deste mes remata o prazo para inscribirse no I Ránking Futbolinlugo. Ponte en contacto connosco para calquera dúbida

A influencia de adestradores dese fútbol de campos embarrados, de arrecendo a herba mollada, de carácter e garra, de expresións que ben podía ter citado o mesmísimo David Vidal; como Avelino ligado aos meus comezos na SCD Milagrosa, Kubala no CD Lugo, Camilo Perol na SD Flavia ou Luisito no Cidade de Santiago. As súas ensinanzas empaparon aos xogadores da nosa quinta dunha competitividade, espírito de sacrificio e orgullo, que hoxe en día parece escasear entre os novos xogadores da xeración Z.

Os sociólogos refírense aos nados na década dos 80 como millennial, que absorberon do analóxico e do dixital. Do mesmo xeito no fútbol tamén aprendiamos de técnicos cunha visión máis moderna do fútbol, no meu caso algúns como Javi López e Miguel García no CD Lugo, Javier Oreiro na SD Compostela, Pepe Martín na SD Sarriana ou Fiz Rodríguez na UD Pastoricense.

As xeracións pasan e o fútbol cambia con elas. Un fútbol hoxe, con mellores instalacións e material a esgalla, respecto daquel da miña infancia de balóns pelados e campos de terra (os porteiros faciámonos duros naqueles campos de adestramento como o Emilio Núñez Torrón, actual aparcamento do Anxo Carro, onde adestrabamos as categorías inferiores do CD Lugo). 

O noso protagonista, na súa época de adestrador de porteiros, no histórico Ciudad de Santiago (2007-2008)

A sociedade actual e o fútbol moderno fabrica xogadores aos que lles falta esa pinga de competitividade, de casta, de amar o que fan. Quizais deberiámonos facer unha pregunta:  Somos felices coa forma de vida que levamos? Vivimos ás présas sen desfrutar o momento, o importante é publicar a nosa vida no Instagram, rodearnos dun excedente de bens materiais carentes de sentido. 

Cada vez é máis difícil ver a nen@s xogando ao fútbol na rúa, adestrar converteuse nunha obriga e non nunha escusa para desfrutar do deporte e xuntarse cos amigos. Hoxe os rapaces prefiren quedarse na casa inmersos nunha burbulla de sobre-protección dos pais mesturada cunha alta dose de mundo virtual.

Hoxe os pais dos pequenos crean grupos de wasap para saber cando teñen que xogar, a onde teñen que ir, que deben vestir. Nós colliámolo bus para subir as Gándaras, faciámola mochila, e incluso algúns lavámola roupa embarrada: palabras textuais da miña nai: “eu métoa na lavadora pero ti quítaslle toda esa terra”.

Onde quedaron as viaxes no bus escoitando o Galicia en goles?, agora cada quen camuflase co seu dispositivo móbil para seguir no seu pequeno mundo virtual.

Vivimos nunha sociedade viciada polo ter e non polo ser, e quizais esta forma de vivir trasladouse ao fútbol.

Unha aperta.

Jose Yáñez García ‘Josiño’. Puro fútbol lucense dende tódolos frentes